Partido Popular de Lugo

Deputados e senadores por Lugo rexeitan a convalidación do Real decreto 27/2020 que pretende que os Concellos cedan o seu remanente a Facenda

Deputados e senadores por Lugo rexeitan a convalidación do Real decreto 27/2020, do 4 de agosto, que pretende que os Concellos cedan o seu remanente de tesourería ao ministerio de Facenda.

 

Deste xeito, na Cámara Alta, e avalados tamén polo apoio do PP provincial, pedirán mañá, mércores, a través da moción presentada, que se deixe sen efecto e que se deslinden os fondos adicionais que se lle deberían de conceder aos Concellos e Deputacións, da cesión do diñeiro xestionado de maneira eficiente polas entidades locais. O xoves, no Congreso, votarán en contra da proposta presentada a tal fin polo Goberno.

 

Dende o PP denuncian así que o goberno de Pedro Sánchez “pretenda incautarse destes fondos”. E é que o acordo subscrito entre o Executivo central a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) “rompe por primeira vez un consenso histórico e ignora a autonomía municipal”.

 

A convalidación, din, supón “un saqueo de Sánchez á boa xestión dos Concellos”. Proba delo é que tamén“algúns alcaldes e presidentes de Deputacións socialistas finalmente se decantaron por defender os intereses dos seus veciños, declarando estar en contra desta incautación dos fondos do seu Concello”, afirman.

 

“O diñeiro de Lugo ten que quedarse en Lugo. Iso é o que lle pretendemos dicir co noso voto ao presidente do Goberno”. Dado que o decreto non cumpre coas necesidades das administracións locais, e que esta proposta non ten o aval da FEMP, ao saír adiante só cos votos dos alcaldes socialistas e o de calidade do presidente deste organismo, o tamén alcalde socialista, Abel Caballero, os lucenses non entenden como rexedores e concelleiros do PSOE na provincia de Lugo poden apoiar “semellante atropelo” á autonomía dos seus concellos.

 

Lembran que o Goberno ofreceu un acordo no que se habilita un fondo de 5.000 millóns de euros totalmente condicionado, posto que dito fondo só se repartirá entre as entidades locais que lle entreguen a totalidade dos seus remanentes. Por outra banda, sinalan que moitas entidade locais decidiron traspasar esa liquidez aos seus veciños, pospoñendo o pago de impostos e “vivindo” estes meses dos seus remanentes. “Por tanto, se entregan os seus aforros ao Goberno durante 17 anos, que terán que facer? Pedir o diñeiro aos seus veciños xa ou pedir un préstamo de tesourería para dárllelo ao Goberno?”, pregúntanse.