Os senadores, José Manuel Barreiro, Rosa Arza e Manuel Varela, solicitarán ao Goberno que favoreza a repatriación dos lucenses residentes no extranxeiro e que non poden voltar aos seus lugares de orixe polo estado de alarma. Os populares farán esta petición na Cámara Alta, alertados por algúns dos afectados, onde tamén demandarán que o Executivo detalle o número de persoas da nosa provincia que lle consta tanto á Subdelegación como ao ministerio de Asuntos Exteriores que non teñen a posibilidade de regreso, pese a querer facelo.
É o caso dunha moza, natural de Mondoñedo, que se atopaba realizando un Erasmus en Lituania cando se estendeu a pandemia. A estudante aínda non puido voltar porque, primeiro, se lle comunicou que perdería todo o curso se non remataba con éxito unha prácticas presenciais. Cando se solucionou a parte académica, a única solución que obtivo por parte da Embaixada española foi coller un avión a Londres, sen ningunha garantía de poder chegar a España dende a capital británica se tomaba dito voo. Agora, o enlace que tiña contratado con destino ao noso país, foi cancelado e a rapaza non ten ningunha posibilidade de regresar.
Os populares consideran “lamentable o abandono e o desamparo no que deixa o Goberno a rapaces como a mindoniense, ocasionándolles tanto a eles como ás familias gran tensión, incertidume e medo
“Queremos explicacións e, sobre todo, unha solución a estas persoas”, remarcan os senadores. “Así nolo fixeron constar un gran número de lucenses que se atopaban no extranxeiro e se puxeron en contacto con distintas embaixadas de diferentes países sen obter a axuda que demandan”, precisan.
Esta situación xorde logo de que o Goberno de España decretase, mediante orde ministerial, o peche total das fronteiras nacionais. Esta orde entrou en vigor o domingo 22 de marzo e inclúe algunhas excepcións ao peche de fronteiras, entre outras, os españois residentes en España poderían seguir accedendo ao noso país. Sen embargo, e dado que se prohibiu o desembarco de pasaxeiros de avións, barcos ou trens, así como o tránsito transfronteirizo por estradas, foron moitos os españois que se quedaron varados en diversos lugares do mundo, como é o caso da estudante de Mondoñedo, e sen ser atendidos e amparados polo Goberno para favorecer o seu regreso.