O Grupo Municipal do PP de Sarria, que dirixe José Antonio García, e a presidenta provincial, Elena Candia, analizaron este domingo a situación política do municipio. Foi nunha reunión de traballo telemática que mantiveron ao longo desta mañá e na que os populares locais expuxeron a Candia “a escasa vontade política do alcalde”. “Por non facer, nin tan sequera repartiu máscaras”, advertiu García; de aí que este Grupo Municipal solicitase un pleno extraordinario para pedir explicacións ao goberno local de tal inacción, xa que hai máis dun mes este Grupo presentou unha proposta con 30 medidas para axudar a veciños, pemes e autonómos e así paliar os efectos da Covid-19.
“A nosa proposta ía no senso de axudar nesta crise sanitaria. Por iso, propuxemos unha trintena de actuación perfectamente executables e acordes ao que as nosas empresas e cidadáns precisan”, afirman.
Pola contra, “e para sorpresa de todos”, o rexedor si que “aproveitou” o estado de alarma para avanzar en contratos de privatización do servizo eléctrico e operacións inmobiliarias contrarias á economía local. Trátase, sinalan, “dun megacontrato a favor dunha empresa por valor de preto de 14 millóns e que van pagar os veciños de Sarria ata o 2040”.
Obra demandada
Os populares abordaron tamén a situación do expediente que permitirá a execución dunha obra dan demandada para a comarca como é a primeira fase para o desdobramento do corredor; actuación na que a Xunta inviste preto de 25 millóns de euros. “Convertelo eu autovía será un antes e un despois na vertebración do municipio e da comarca”, apuntou tamén Elena Candia.
Concretamente, o Goberno de Galicia licitou estes traballos o 13 de xaneiro por un valor de 24,6 millóns. Afectan a un total de 11,5 quilómetros entre A Pobra de San Xiao e o núcleo urbano.
Esta vía de comunicación conta cun elevado tránsito de vehiculos co respecto ao conxunto da rede autonómica. En termos porcentuais, supera en catro puntos a outras estradas das mesmas características da comunidade. Neste treito concreto, correspondente á primeira fase, resulta necesaria a ampliación da capacidade, tanto pola súa alta intensidade de tráfico –máis de 7.000 vehículos ao día-, como pola súa orografía complicada, con pendentes pronunciadas que reducen a velocidade dos vehículos e diminúen as posibilidades de adiantamento.
Esta vía de altas prestacións foi clave no desenvolvemento do municipio sarriano e dos limítrofes. Foi construída en plena crise con 135 millóns de euros, converténdose no nexo de comunicación da capital da provincia co sur da mesma. Nos últimos tempos, a administración autonómica tamén executou distintas obras de mellora da seguridade, como as que se están a desenvolver nestes momentos, e que dispoñen dun investimento de 120.000 euros.
Esta intervención, ao longo de case 18 km, céntrase nos treitos con liña continua en ambos os sentidos, onde xa non está permitido o adiantamento. As obras inclúen o pintado do eixe da vía con dobre liña branca e con resaltos e liña intermedia de cor verde, así como a instalación de 390 captafaros e 641 balizas.