Partido Popular de Lugo

Daniel Vega lamenta que “os orzamentos para o 2020 non benefician nin a Ribadeo nin aos ribadenses”

O voceiro do Grupo Municipal do PP de Ribadeo, Daniel Vega, insistiu en que “os orzamentos aprobados polo goberno local do BNG para este ano 2020 non benefician a Ribadeo nin aos ribadenses”. Así o manifestou trala celebración do pleno ordinario correspondente ao mes de febreiro da corporación municipal no que “os distintos grupos manifestamos puntos de vista similares nalgúns temas coma o da demanda do arranxo da A-8 e falta de acordo noutros”, coma no caso da renovación do alumeado na parroquia de Couxela que pedían os populares.

 

En relación aos orzamentos municipais para o vindeiro ano, Vega criticou, en concreto, que “o investimento para esta anualidade será dun 29,7% menor que no pasado ano”; pero, pola contra, “suben os gastos nun 1,2%”. Se no 2019 o orzamento municipal de Ribadeo era de 9.206.000 euros, no ano 2020 o Concello disporá dun orzamento de 9.099.000 euros. Isto evidencia que “disporemos de 106.000 euros menos”.

 

A consecuencia disto, segundo o popular, “se o Concello investía 1.150.000 euros, no ano 2020 investirá 841.000 euros e, destes, 650.000 euros van a débeda, a crédito. De fondos propios, o Concello investirá só 980 euros”. Polo tanto, dende o Grupo Municipal Popular sinalan que “non hai planificación nin traballo” porque  “non hai ningún convenio asinado con ningunha administración, nin coa Deputación, nin coa Xunta nin co Goberno do Estado”. Todo o contrario é o que defenden os populares do municipio que reivindican “unha xestión eficiente coa que lograr investimentos para Ribadeo”.

 

Tres mocións do PP

 

Vega destacou que “o Grupo Municipal do PP defendeu tres mocións en beneficio dos ribadenses dun total de cinco que foron presentadas neste pleno”. Os populares propuxeron instar ao Goberno do Estado a arranxar o pavimento da A-8 ao seu paso polo municipio, a crear un segundo acceso para a vila e outra conexión máis dende a variante de Ribadeo ata a estrada de Vilela, de titularidade provincial, para evitar o intenso volume de tráfico rodado de alta tonelaxe que discorre pola estrada dos Garitos.

 

Precisamente en relación a esta estrada pedían tamén os populares unha actuación inmediata para a súa mellora. A este respecto, Daniel Vega cre que “seremos capaces de buscar un entendemento entre todos cos veciños e veciñas para o arranxo desta vía dentro dunha colaboración institucional”.

 

Vega lamentou que “o grupo de goberno, do BNG, votase en contra da moción coa que reivindicabamos iniciar os trámites para a renovación do alumeado público da parroquia de Couxela”. Asegura o voceiro do PP que “dende o Grupo Popular agardabamos unanimidade sobre esta proposta coa que pretendíamos traballar todos xuntos a favor dos veciños e veciñas de Couxela”. O popular sinalou que, en definitiva, “o goberno do BNG de Ribadeo votou non a este necesario servizo para os veciños e veciñas desta parroquia”.

 

Melloras no centro da vila

 

Os populares tamén reivindicaron melloras para o centro da vila ribadense propoñendo o arranxo das rúas do casco histórico; ademais de investimento para o alumeado público porque “temos as rúas practicamente apagadas” e “iso ten que mudar”.

 

Por outra banda, dende o Grupo Municipal do PP pediron ao goberno local que “se paguen as subvencións nominativas en tempo e forma” porque “hai un retraso considerable -de preto dun ano ou, incluso, dous anos nalgún caso-”.

 

Traballo serio e propostas en beneficio dos ribadenses

 

O popular asegurou que “neste pleno demostrouse que este Grupo se toma en serio a política local porque estamos a propoñer iniciativas en beneficio dos ribadenses e tamén demostrou que lle interesa conseguir investimentos para todo Ribadeo”. Así mesmo, Vega avanzou que “seguiremos levando ao pleno propostas coas que intentar chegar a acordos con tódolos grupos políticos da corporación en beneficio dos ribadenses”.