O voceiro do Grupo Municipal do PP de Guitiriz, Xosé María Teixido, destaca “a axilidade coa que o goberno galego resolveu o expediente para a construción da residencia de maiores no noso municipio”. Así o sinala o popular explicando que “a Xunta deu saída ao trámite de autorización da súa construción unha vez concluído o informe económico que non foi posible rematar ata que o goberno da Deputación remitiu a información necesaria a finais do 2019”.
Con todo, Teixido apunta que “a autorización da construción, que precisa contar co informe de viabilidade económica e o de non duplicidade de servizo, non é requisito indispensable para iniciar as obras”. Polo tanto, “as obras puideron estar xa iniciadas para avanzar na dotación dun servizo necesario para Guitiriz e co que xa contan outros concellos”.
O voceiro popular explica que “os servizos de atención aos maiores son unha necesidade ante o envellecemento da poboación e máis aínda nun concello coma ao noso que conta con moitos veciños e veciñas e, polo tanto, tamén con moitas persoas maiores que poidan precisar este tipo de servizo”.
Precisamente por iso, Teixido considera que “as prazas coas que contará a residencia son insuficientes para Guitiriz que requiriría dunha residencia máis grande que dese cobertura ás súas necesidades”. Así mesmo, lamenta que “este centro non dispoña de prazas para a atención de persoas dependentes”.