Partido Popular de Lugo

O PP de Cervantes pide que o Concello se adhira ao convenio de colaboración coa Amtega e a FEGAMP para mellorar a cobertura das comunicacións móbiles

Cervantes, 24 de xaneiro de 2020. O voceiro do Grupo Municipal do PP de Cervantes, Javier Santín, solicitou ao rexedor local formalmente e tamén de xeito persoal a adhesión do Concello ao convenio de colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para a posta en marcha de actuacións encamiñadas a mellorar a cobertura de comunicacións móbiles.

 

O popular sinala que “esta medida redundaría no beneficio dos veciños e veciñas do municipio e, especialmente, daquelas zonas onde hai constancia da existencia de deficiencias como é o caso da parroquia de Vilaquinte”. Neste caso, “os propios veciños levan anos reivindicando melloras”. Pero tamén engade que “sería preciso realizar un estudo para coñecer a cobertura das comunicacións móbiles en todo o municipio coa finalidade de determinar que zonas puideran requirir actuacións de para a súa mellora”.

 

De feito, Santín explica que “para adherirse será necesario que a entidade local presente un proxecto que inclúa información de zonas nas que teñen constancia de deficiencias de cobertura”. Así mesmo, debería recoller “a posta a disposición dun terreo adecuado para a instalación das infraestruturas de telecomunicación e o compromiso de abordar a acometida eléctrica para o que o Concello podería solicitar unha axuda máxima de 30.000 euros”.

 

“Tendo en conta que o noso concello conta con deficiencias en comunicacións móbiles –na parroquia de Vilaquinte e na canle do río Ser-, tal e como reflicte o mapa de cobertura elaborado por Amtega”, Santín considera que “resulta conveniente promover actuacións que permitan mellorar a cobertura de telefonía móbil”. Así, defende que “Cervantes é un municipio susceptible de beneficiarse desta iniciativa da administración autonómica” co obxecto de corrixir estas deficiencias e “prestar novos servizos en apoio das veciñas e veciños de Cervantes”.

 

O popular xa informara ao alcalde deste recurso “no momento no que foi anunciado polo goberno galego” e, de novo, no pleno do pasado mes de decembro recordouno diante da corporación local para advertir sobre o prazo do que dispoñen as entidades locais para solicitar esta adhesión e que remata a mediados de febreiro.

 

Javier Santín explica que “cremos que a forma de traballar en beneficio dos veciños e veciñas do noso municipio ten que ser construtiva”.