Partido Popular de Lugo

A falta de xestión do alcalde dificulta a execución de proxectos impulsados pola Xunta para infraestruturas e servizos en Monforte

Monforte, a 23 de xaneiro de 2020. Fronte a inacción do goberno municipal de Monforte, presidido polo socialista José Tomé, a Xunta xestiona investimentos en infraestruturas que serán decisivos para o futuro do municipio. Así quedou de manifesto na reunión que na tarde do mércores mantiveron afiliados do Partido Popular monfortino coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde. A portavoz municipal dos populares, Katy Varela, explicou que o alcalde continuamente bota balóns fóra e, en vez de xestionar os grandes asuntos que ten pendentes Monforte, intenta responsabilizar a outras Administracións das carencias que son competencias puramente municipais. A unha destas competencias referiuse a conselleira de Infraestruturas na súa intervención: o saneamento.

 

A conselleira Vázquez explicou que a Xunta tivo que intervir no seu día para dotar de depuradora de augas residuais ao porto seco, dadas as carencias que tiña a rede xeral de saneamento. Agora, para a nova depuradora xeral de augas residuais de Monforte, a conselleira destacou o incumprimento do compromiso adquirido polo alcalde de colaborar para conseguir que o Goberno destine fondos europeos a este fin. Neste sentido, a conselleira recordou que días atrás mantivo unha reunión en Madrid con representantes do Goberno para intentar que se destinen a Monforte parte dos fondos que estaban previstos para a depuradora de Santiago, que, por distintas causas, non se executou. Recoñeceu que quedou desagradablemente sorprendida ao comprobar que o alcalde de Monforte non fixera ningunha xestión e que o asunto era totalmente descoñecido polo seu interlocutor. A conselleira Vázquez resaltou que o abastecemento e o saneamento son competencias puramente municipais; aínda así, a Xunta está disposta a colaborar decididamente para mellorar as infraestruturas hidráulicas de Monforte, pero a iniciativa corresponde a quen ten as competencias, é dicir, ao Concello.

 

Por outro lado, a titular de Infraestruturas explicou as dificultades que encontra o seu departamento por parte de ADIF para construír a conexión do porto seco de Monforte coa N-120; o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias impón condicións inexplicables tecnicamente, que retrasan e encarecen o proxecto. Vázquez deixou claro que ADIF depende do Ministerio de Fomento, do Goberno central, por tanto; é dicir, é o Goberno presidido por Pedro Sánchez o que pon dificultades á execución do proxecto de conexión do porto seco e a N-120.

 

A conselleira destacou que, sendo moi importantes as comunicacións por estrada, o esencial para o futuro do porto seco é o ferrocarril. Neste sentido resaltou a importancia de ter conseguido que Monforte forme parte do Corredor Atlántico, como porta de entrada das mercancías a Galicia. Agora, dixo, é preciso modernizar a fondo a rede ferroviaria, con proxectos de envergadura que permitan acceder a fondos europeos.

 

En materia de transporte, a conselleira afirmou que a estación de autobuses de Monforte abre e abrirá todos os días. Recoñeceu que houbo un problema puntual, debido á xestión de persoal por parte da empresa en materia de vacacións. Ethel Vázquez lembrou que están adxudicadas obras de mellora por importe de 180.000 euros.

 

Por outro lado, a conselleira destacou que o seu departamento moderniza o mapa de liñas de autobuses e que está en proceso de implantación a tarxeta Xente Nova, que permitirá aos mozos de ata 21 anos viaxar gratis; en xuño estará operativa en Monforte.

 

Polo seu lado, o titular de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apuntou que hai en Galicia políticos con certa habilidade para, cando non queren facer xestión, xerar un conflito artificial e vivir dese conflito. Conde, entre outras cousas, recordou que a Xunta leva investidos 20 millóns no porto seco de Monforte, que –dixo- será unha plataforma realmente competitiva se está servida por unha rede ferroviaria competitiva, para o que se necesitan grandes inversións. É necesario, dixo o conselleiro de Economía, corrixir o desequilibrio xerado entre o Mediterráneo e o Atlántico. E iso é o que, segundo explicou, está intentando a Xunta, en colaboración con Castela e León e Asturias. Tamén destacou que só da súa Consellería, o Concello recibiu máis de dous millóns de euros no que vai de lexislatura. O conselleiro de Economía destacou tamén a repercusión que terá para Monforte e para toda a comarca conseguir a declaración de Patrimonio da Humanidade para a Ribeira Sacra.

 

Os titulares de Infraestruturas e Economía tamén se referiron á falta de claridade do Goberno central en canto aos prazos para a chegada do AVE. Ironizaron coas contradicións que nesta materia incorren os membros do equipo de Pedro Sánchez. Francisco Conde dixo: «No AVE, Monforte xógase moito, e a Ribeira Sacra tamén».