Partido Popular de Lugo

O catamarán abandonado e medio afundido no Miño demostra o desinterese do bigoberno da Deputación polo xestión dos cartos públicos

Lugo, a 17 de decembro de 2019. Un barco fantasma suca, medio afundido e a aparentemente á deriva, as augas do Miño, a altura da capital lucense. O barco, que cando chegou a onde agora está, tal vez próximo a afundirse definitivamente, levaba o nome de Pelegrín I, é un dos catamaráns adquiridos no seu día pola Deputación. Neste caso, leva moitos meses, por non dicir anos, sen uso.

 

O deputado provincial Óscar Poy (PP) sinala que a Deputación, presidida polo socialista José Tomé (PSOE), opera, polo que se ve, co criterio recentemente exposto por unha singular ministra socialista española: os cartos públicos non son de ninguén, é dicir, a ninguén lle importan. Só así se pode entender que a Deputación manteña no Miño, fronte á capital lucense, un barco que non se usa e que xa é máis chatarra que outra cousa.

 

A Deputación de Lugo, baixo a presidencia de Francisco Cacharro Pardo, presentou o catamarán Pelegrín I a finais do 2003. Este barco tiña a misión de recorrer varias veces ao día o tramo do Miño comprendido entre Los Robles e a acea do Rei Chiquito. Tivo, durante a súa vida activa, altibaixos notables no seu funcionamento. En xullo de 2019, o barco levaba xa largo tempo sen prestar servizo. E xa entón o socialista Eduardo Vidal, que no anterior mandato liderara a área de Turismo da Deputación, aseguraba que non podía navegar por falta de calado, e que por iso estaba ancorado a altura do ponte das Saamasas. O citado socialista declarou a un periódico: «Cando pode navegar igual é en inverno, pero en inverno non hai masa crítica para efectuar esa ruta e nos meses de verán non pode navegar porque non hai auga suficiente. Total, resume Poy, que o barco, en orixe Pelegrín I, está atrapado nun labirinto kafkiano, do que non o saca o goberno provincial que preside o socialista José Tomé.

 

Son numerosos, di Poy, os lucenses que se preguntan por que a Deputación non retira o catamarán da canle do río. E non son poucos tamén os que se preguntan tamén como é que non ten nada que dicir a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, tan sensible cando os afectados son os particulares. Neste caso, parece que incluso pode haber certo risco.

 

En todo caso, o catamarán do Miño en Lugo é un claro exemplo de como entende o bigoberno (PSOE-BNG) da Deputación, presidida polo socialista José Tomé, a xestión dos recursos públicos, do aprecio que sinte polo río e da idea que ten sobre a protección do medio ambiente e a promoción do turismo. Xa é hora de que o barco sexa sacado do río, reparado se é posible, e, senón, despezado; no actual estado de cousas, é o mellor resume de como entenden os socialistas a xestión do interese público.