Partido Popular de Lugo

O PP toma a iniciativa e propón medidas para acabar cos edificios en ruína e mal coidados que crean perigo e danan a imaxe de Monforte

Monforte, a 16 de decembro de 2019. Como consecuencia dunha evidente neglixencia do goberno local de Monforte, presidido polo socialista José Tomé, o urbanismo monfortino leva anos resentíndose da falta de xestión municipal que require o desenvolvemento axeitado da cidade. Que as cousas son así non é algo que inventemos no Partido Popular, di a portavoz popular no Concello, Katy Varela, que destaca que «é algo que ven os cidadáns todos os días e que, en ocasións, sofren situacións de risco polo mal estado de edificios que, nalgúns casos, acaban derrubándose». O Concello ten a obriga de adoptar as medidas precisas e cumprir o disposto tanto na Lei do Solo de Galicia como na propia Ordenanza Municipal Reguladora de Fachadas, Elementos Construtivos e Soares, unha norma esta última claramente desfasada. O grupo municipal do PP defenderá na próxima sesión plenaria unha moción para facer fronte a eses problemas e que a cidade gañe, desde o punto de vista urbanístico, tanto na súa ordenación como no que se refire á mellora da seguridade e da imaxe.

 

A portavoz municipal do PP, Katy Varela, recorda que en Monforte se suceden os derrubes de edificios en mal estado, co conseguinte risco para as persoas, tanto para os residentes neles como para os peóns. É necesario tomar medidas antes de que ocorra un accidente grave. En canto ao estado das edificacións, outro grave problema para a imaxe da cidade o constitúen os inmóbeis que teñen as fachadas en mal estado. Polo tanto, é precisa a intervención do Concello neste terreo na dobre fronte que queda apuntada: declaración de ruína segundo a normativa legal vixente dos edificios nos casos que corresponda, e orden de intervención aos propietarios para que os seus bens inmóbeis estean nas adecuadas condicións de seguridade e ornato.

 

Para lograr os obxectivos citados basicamente son precisos dous elementos esenciais. Por un lado, a vontade política de quen goberna de adoptar as medidas necesarias. Neste caso temos serias dúbidas de que tal vontade exista, porque o presidente da corporación xa ten demostrado que só é alcalde a media xornada. O outro requisito fundamental para lograr resultados é que o Concello dispoña dos instrumentos necesarios. A Lei do Solo de Galicia é clara ao respecto. Tamén o é, ata onde chega, a Ordenanza Municipal Reguladora de Fachadas, Elementos Construtivos e Soares. Pero é unha norma desfasada, porque é anterior a entrada en vigor da Lei do Solo. Por iso propoñemos a súa actualización.

 

O PP quere que na citada ordenanza se especifiquen máis e mellor as competencias do Concello, se incrementen as sancións e se estableza un procedemento propio para a declaración de edificios en estado de ruína. Varela resume: «Queremos, en síntese, que o Concello execute as competencias que lle atribúe a Lei do Solo de Galicia e aplique o disposto na citada ordenanza municipal».

 

A portavoz do PP, Katy Varela, espera que o pleno aprobe por unanimidade esta moción, porque, como consecuencia máis relevante, terá a de mellorar a seguridade dos monfortinos e de quen visita a cidade. E, moi importante tamén, porque mellorará decisivamente a imaxe de Monforte, esencial para que sexa referente turístico urbano da Ribeira Sacra. En todo caso, o que non é admisible é que Monforte sexa noticia con frecuencia polo derrube dalgúns dos seus edificios, nin que o mal estado das fachadas doutros moitos sexan o que chame a atención dos visitantes. É preciso que o goberno municipal, e sinaladamente o alcalde, abandone a súa zona de conforte e poñan mans a obra.