Partido Popular de Lugo

Reflexión sobre o aviso dun amigo de como a alcaldesa fai perder o tempo a Viveiro

Viveiro, 13 de decembro de 2019

Dicía un amigo meu antes de iniciar este proxecto político en prol da miña cidade: «Pensáchelo ben? Isto é un conto chinés. Con esta muller que está na alcaldía, o tempo pasa e pasa e Viveiro segue igual; é a inoperancia absoluta. É incapaz de tomar decisións por ela mesma; sempre busca outros responsables».

 

Eu, que xa non son un rapaz, sabía que era verdade o que me dicía o meu amigo, pois non hai máis que ver o desenvolvemento que, nos distintos campos de xestión, sufriu Viveiro nos últimos quince anos. Non obstante, como persoa curiosa que son, tiven a ousadía de comprobalo.

 

Neste intre, hai seis meses que os membros do equipo do PP de Viveiro empezamos unha nova andaina e xa foi tempo suficiente para darnos conta de que o que dicía o meu amigo é a realidade. En síntese, nestes seis meses, despois dunha espectacular riada en Xunqueira, que causou moi graves danos, a Xunta remitiu informes ao Concello para a súa análise e posterior sondeo con veciños; pois ben, os informes pasaron meses enriba da mesa, sen que lles deran saída, ata que os técnicos de Augas decidiron intervir. Reuníronse coa veciñanza para analizar as necesidades e acomodar o estudo a elas.

 

Tamén nos atopamos cunha estación depuradora de augas residuais (EDAR), de competencia municipal, que, se non chega a ser polo movemento veciñal, seguiría soñando cos paxaros de cores. Menos mal que, por fin, Viveiro terá unha solución para as augas residuais, propiciada pola Xunta. E todo a pesar de que a alcaldesa fai ademán de gobernar…. Pero todo queda no ademán.

 

Por outro lado, presenta os «presupostos» do ano 2019 en pleno mes de novembro (¡Menuda burla!). Apraza o pago da débeda cos bancos (só para provedores) un ano máis, cos seus correspondentes xuros (máis de 100.000 euros); todo isto a pesar de que hai un plan de viabilidade aprobado para o pago no seu tempo. Por riba a débeda municipal segue a ser a mesma que hai quince anos, coa diferenza de que agora é toda en gasto corrente.

 

Falan con tanta lixeireza de Aspanane e da Escola de Idiomas que impresiona. Enganan aos dous colectivos, xa que, a día de hoxe, e vai case un ano, non moveron ficha para firmar o convenio coa Xunta. O convenio actual expira a final de ano; aporta boa parte dos recursos económicos para que ambos centros teñan espazos axeitados. E sempre botándolle a culpa a outros ou ás circunstancias; neste caso, a que o Goberno central está en funcións, como se iso impedira a toma de decisións.

 

E suma e sigue, porque agora dinos que xa estaba tratando a concesión do peirao; a señora alcaldesa confunde trato con conversa, porque as conversas poden ser moitas, pero, os tratos, poucos. Tempo ao tempo e verán vostedes como transcorre e será outro conto chinés máis.

 

No caso de que á señora alcaldesa se lle faga difícil gobernar, ten que asumilo e quedará moito mellor que tendo un concello desfeito por todas as esquinas. Non da feito o que ten que facer na media xornada que dedica ao Concello e, por riba, a outra media xornada é para á Deputación.

 

En fin, querido amigo, hoxe teño que darche a razón, teño que dar por bos os teus argumentos. Pero tamén teño que dicir que o meu grupo, o grupo do Partido Popular, non vai deixar de traballar por Viveiro, aínda que somos conscientes das dificultades que todo o exposto entraña.