Partido Popular de Lugo

Daniel Vega destaca o desenvolvemento de dous obradoiros de emprego financiados pola Xunta en Ribadeo

Ribadeo, 12 de decembro de 2019. O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, destaca o desenvolvemento de dous obradoiros no municipio ribadense financiados pola Xunta de Galicia a través da consellería de Economía, Emprego e Industria cunha achega de máis de 516.000 euros. “Esta importante achega facilita que un total de 36 persoas que se atopan no paro poidan adquirir formación para mellorar as posibilidades de atopar un emprego ao mesmo tempo que dispoñen dun contrato de traballo durante o tempo de duración destes obradoiros”, manifesta Vega.

 

A pasada semana daba comezo o obradoiro de emprego dual Alén do Camiño para o que o goberno galego concedeu ao Concello de Ribadeo unha axuda de máis de 336.000 euros. Deste xeito, veranse beneficiadas un total de 20 persoas desempregadas que recibirán durante un período de nove meses formación teórica e práctica ao mesmo tempo que contarán cun contrato de traballo. Ademais, esta acción formativa permitirá aos participantes acreditar a súa formación cun certificado de profesionalidade. “Non hai que esquecer tampouco que, ao mesmo tempo, estes obradoiros proporcionan un contrato de traballo a outras cinco persoas que realizan tarefas de dirección, administración ou exercen como monitores”, engade o voceiro popular ribadense.

 

O obradoiro DOC-TIC III, dirixido a mozos e mozas menores de 30 anos en situación de desemprego, está en marcha dende comezos de outubro e ofrece, dentro do programa Garantía Xuvenil, formación teórica e práctica e experiencia laboral, cun contrato de traballo, a un total de 16 alumnos e alumnas en materia de Produción fotográfica e Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos. A Xunta destina un orzamento de 180.000 euros para o desenvolvemento deste obradoiro de seis meses de duración que permite sufragar tamén a contratación de dúas monitoras e unha directora.

 

Daniel Vega pon en valor a convocatoria deste tipo de programas de formación para o emprego que procuran mellorar a empregabilidade das persoas no paro. Ademais, subliña “o compromiso do goberno galego con Ribadeo onde se desenvolverán dous obradoiros de forma practicamente simultánea chegando a formar e ofrecer traballo a máis de 40 persoas”.

 

O voceiro do Grupo Municipal de Ribadeo pon estes obradoiros “como exemplo da colaboración institucional que precisa o noso municipio para desenvolver proxectos en beneficio dos ribadenses”. Neste caso, non só benefician aos participantes nestas actividades formativas; senón que contribúen a poñer en valor o Camiño de Santiago ao seu paso polo concello de Ribadeo a través de distintas accións de promoción turística –no caso do obradoiro dual Alén do Camiño- e á recuperación e conservación do patrimonio documental do concello a través da súa dixitalización –no caso do obradoiro xuvenil DOC-TIC III-”.