Partido Popular de Lugo

O PP insta ao alcalde de Castroverde a abrir de inmediato a residencia da terceira idade

Castroverde, a 20 de novembro de 2019. Na fachada do edificio da residencia da terceira idade de Castroverde hai unha placa fechada no 2015 na que, a modo de inauguración deste servizo, se recolle o nome do entón presidente socialista da Deputación, Gómez Besteiro. Pero o edificio sigue pechado hoxe, máis de catro anos e medio despois de colocar esa placa. O voceiro do PP de Castroverde, Rubén Otero, esixe a apertura inmediata destes locais, necesarios para atender ás persoas maiores do municipio que hoxe teñen que desprazarse a diario como usuarios de residencias e centros de día a outros municipios da contorna. Pon de relevo os cambios de opinión do alcalde de Castroverde sobre o modelo de xestión deste centro e destaca que se acaba de desbloquear este asunto é pola presión exercida dende o Partido Popular.

 

Otero fixo estas declaracións esta mañá en Castroverde, diante da residencia pechada, acompañado polo deputado provincial José Pardo Lombao. O voceiro municipal do PP destacou que o alcalde de Castroverde, o socialista José María Arias, «cambiou tantas veces de criterio sobre como quere xestionar esta residencia que xa se perde a conta e o servizo segue sen funcionar». Engadiu: «Parece que agora quere apuntarse ao convenio coa Deputación para a xestión das residencias; para esta viaxe non facían falta estas alforxas. Todo o que fixo ata agora o alcalde foi perder o tempo e ter aos veciños sen un servizo fundamental nun edificio que custou moitos cartos e que leva case cinco anos pechado e, como sempre ocorre nestes casos, deteriorándose». O mesmo concelleiro popular declarou: «É inaudita a situación creada en Castroverde con este servizo, e todo grazas aos socialistas, ás súas liortas internas e aos seus intereses individuais como políticos».

 

O PP de Castroverde esixe a inmediata apertura da residencia. Rubén Otero insta ao alcalde de Castroverde a explicar aos veciños por que a residencia non está aberta aínda. Destaca que o socialista Arias deu a coñecer que se suma ao convenio coa Deputación a raíz da presión exercida desde o PP, tanto en sede consistorial como na rúa

 

Os datos son elocuentes e falan con total claridade acerca da eficacia da Deputación e da Xunta na creación de prazas en residencias da terceira idade na provincia, practicamente no mesmo período, desde 2010: a Deputación de Lugo, 91; a Xunta, 507.