Partido Popular de Lugo

O PP esixe unha “solución global e consensuada con tódolos grupos da corporación municipal” para o problema da auga en Guitiriz

19, novembro, 2019. O Grupo Municipal do PP de Guitiriz esixe a convocatoria dunha reunión con todos os grupos políticos que conforman a corporación local coa finalidade de abordar entre todos os problemas de subministro de auga e do seu consumo. Os populares veñen de rexistrar unha moción neste sentido para o seu debate na vindeira sesión plenaria da corporación que se celebrará o próximo 28 de novembro coa demandan “unha solución global, consensuada e, por suposto, aprobada por unanimidade polo Pleno”.

O voceiro popular no municipio, Xosé María Teixido, critica que “o goberno municipal do PSOE non tivese en conta aos grupos que conforman a cámara municipal nun asunto tan importante para Guitiriz” e lamenta que “unicamente teñamos coñecemento a través da prensa de que o goberno local vai a sacar a contratación un proxecto para desviar o subministro de auga sen pasar polo encoro facendo uso da antiga rede de circunvalación”.

Así pois, defenden os populares que “feito xa o bypass -como unha obra menor para saír de apuros-, cremos que as obras de desviación da canalización da auga para o encoro non se deberían facer efectivas nin firmes en canto a proxecto sen antes tomar unha solución global, consensuada e que conte cos debidos informes técnicos”. Teixido considera que esta medida evitaría “trapalladas ou chapuzas come cartos que só ofrecen unha solución a curto prazo, pero que ao longo non dan resultados” como é o caso do filtro desferrizador que decidiu mercar o goberno local “cun custe importante para o Concello, pero con parcos resultados”. Nesa liña, aposta por que “estas obras as acometa unha empresa con experiencia neste ámbito e non aquela que as faga máis baratas”.

O voceiro do PP local acusa tamén ao goberno do municipio de “non querer limpar o pantano, nin antes nin agora” tal e como demostra o feito de que “estiveron buscando posibles novas captacións de auga para evitar depender desa auga”. Pero, segundo os populares, “o desvío da auga do encoro, non garante que estea máis limpa”. Igualmente, inciden dende o Grupo Municipal do Partido Popular en que “cada verán aumenta un terzo a poboación” e en que “nos últimos anos viñeron moi calorosos” polo que “se evapora máis a auga e sube o seu nivel de ferro”.

Propostas construtivas e compensación para os usuarios

Ante esta situación, os populares achegan tamén no texto da moción distintas propostas co obxectivo de solucionar os problemas de auga que están a sufrir os veciños de Guitiriz como, por exemplo, a súa decantación en varias fases e distintos lugares. “Cremos que se trata dunha solución boa e económica” para as arcas do Concello que, ademais, “evitaría a repetición destes problemas e tamén da necesidade de acometer máis arranxos”, expoñen.

Dende o Grupo Municipal Popular guitiricense piden tamén que “no próximo recibo se aplique unha redución do custe ou unha devolución económica aos usuarios do servizo de subministración de auga”. Así o consideran ao entender que “non se pode cobrar un mal servizo, e menos aínda, cando o produto non é bo”; xa que “o consumo de auga cunha presenza de ferro que supera os parámetros establecidos supón un risco para a saúde dos consumidores”, recordan.

Carta á alcaldesa

Teixido, como concelleiro da corporación municipal, vén tamén de dirixir unha carta á alcaldesa socialista para trasladarlle as súas inquedanzas sobre a potabilidade da auga. Nese sentido, pídelle “unha copia das analíticas da auga das vilas de Guitiriz e Parga, dende o día 1 de xuño”.