Partido Popular de Lugo

O PP de Samos insta ao Concello a pedir á Deputación que garanta a seguridade aos usuarios na estrada de Aira Padrón a Lóuzara

19, novembro, 2019. Os populares de Samos instan ao Concello a dirixirse á Deputación e pedir que esta leve a cabo medidas de seguridade na estrada provincial que vai dende Aira Padrón ata Ponte de Lóuzara. Dende o grupo municipal farán esta solicitude no Pleno municipal porque na marxe esquerda do vial existe un terraplén bastante pronunciado, o que supón un grave risco para vehículos, peóns e incluso os animais que transiten polo mesmo.

 

O voceiro popular, José Fernández, considera que o Goberno local “debe tomar nota deste asunto e non mirar para outro lado”, pois “estamos a falar dunha das estradas máis importantes do noso municipio”. Fernández subraia que é importante actuar con urxencia porque, ademais, xa se rexistraron os primeiros temporais. “Cada vez que neva ou chove con abundancia circular por esta vía é aínda máis perigoso, polo que é dobremente necesario dotala das medidas oportunas para evitar sinistros”, insiste o voceiro do PP.

 

E é que a situación do vial empeora aínda máis na zona de Paredes. Concretamente, na curva de riba do souto, na marxe dereita, xa se rexistraron varios accidentes por mor da existencia doutro desnivel bastante acusado. É por este motivo, polo que os populares solicitan aos socialistas que “cumpran coa súa función” e lle soliciten á Deputación a colocación de quitamedos, biondas e gardaraís en ambos lados da calzada, co fin de garantir a seguridade da vía.