18, setembro, 2019. O presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé Roca, chega tarde e mal ao convocar aos sindicatos para informalos do contido do acordo adoptado polo pleno para a disolución da entidade mercantil Suplusa. Así o entende o deputado popular José Antonio García, que está convencido de que Tomé actúa ao fío da solicitude formulada pola CIG e polo propio grupo do PP.
García di que o verdadeiramente relevante é que o presidente da Deputación aclare en que condicións quedarán os traballadores de Suplusa e que o proceso de disolución se leve a cabo coas máximas garantías de transparencia. Así, García destaca que o PP comprende perfectamente que os traballadores estean enfadados e seriamente preocupados pola situación na que se atopan. En opinión de García houbo ata o momento unha inexplicable e lamentable falta de información aos empregados de Suplusa. O mesmo deputado provincial di que o presidente provincial xa tiña que ter reunido anteriormente aos sindicatos «como pediron o PP e os representantes dos traballadores». Tamén considera importante que a Deputación informe debidamente aos provedores de Suplusa, entre os que existe preocupación.
Outra das prioridades do PP, segundo o citado deputado provincial, é que se respecten os intereses dos concellos que tiñan expectativas postas nos proxectos que manexaba Suplusa. É necesario que saian adiante tal como os perfilaba a entidade mercantil e que se garanta a súa continuidade, porque resultan de vital importancia para moitos municipios, como é o caso de Begonte ou Riotorto, entre outros.