Partido Popular de Lugo

O PP reclama o arranxo e mellora da N-634 nos tramos nos que se atopa en mal estado

19, setembro, 2019. O Partido Popular reclamará por todos os medios ao seu alcance, en todas as institucións nas que ten representación, inversións do Ministerio de Fomento para o arranxo e mellora da estrada N-634 nos tramos que se atopan en mal estado. Os populares consideran que é unha infraestrutura esencial nas comunicacións da provincia.

 

Fomento anuncia este días, unha vez máis, proxectos para combater a néboa e o vento na autovía A-8, no Fiouco. Elena Candia, presidenta provincial do PP e alcaldesa de Mondoñedo, valora positivamente estas iniciativas, pero recorda que foi o Goberno de Mariano Rajoy o que deu os primeiros pasos para solucionar os problemas no Fiouco mediante o sistema de compra pública innovadora, no 2017. Di que como alcaldesa de Mondoñedo valora positivamente que se licite o proxecto para mellorar a seguridade, pero anuncia que non deixará de solicitar con intensidade investimentos na mellora da N-634, por seguridade. Candia estima que a execución do proxecto do Fiouco levará bastante tempo e que, a marxe de que estea aberto ou non ese tramo da A-8, hai condutores que seguen empregando a N-634. Candia recoñece que ao Concello de Mondoñedo lle interesa ter unha N-634 en condicións, con bo pavimento e sinalización e alumeado, pero resalta que non é só un tema local. «Non imos deixar de insistir nesta demanda; agora aínda con máis intensidade», asegura. Di que a N-634 precisa melloras no firme en moitos treitos, así como unha ampliación da sinalización. A maiores, deben ser iluminadas as saídas a autovía.

 

A mellora da N-634 é unha vella demanda dos lucenses, especialmente dos que viven no seu entorno e de maneira moi sinalada dos que teñen que utilizala habitualmente. Neste sentido, é de recordar que a alcaldesa de Mondoñedo, portavoz popular na Deputación e presidenta provincial do PP, Elena Candia, xa expuxo estas reclamacións en varias ocasións. Unha das máis recentes, no pasado verán. Hoxe, igual que naquel momento, asegura que, ao paso polo municipio que goberna, a N-634 non se atopa nas condicións necesarias para absorber o tráfico que soporta. Candia conseguira en abril 2017 un compromiso do Ministerio de Fomento para efectuar un estudo previo ao proxecto de mellora da citada estrada. Posteriormente, efectuou xestións con representantes do Goberno central para reivindicar a execución do compromiso adquirido por Fomento.