16, maio, 2019. A candidata do PP á Alcaldía de Monforte, Katherinie Varela, segue avanzando as súas propostas electorais para “mellorar Monforte”. No día de hoxe deu a coñecer algunhas medidas en materia de cultura e turismo. En concreto, a candidata aposta por potenciar o Camiño de Inverno a Santiago a través da habilitación dunha oficina e da apertura dun albergue municipal.
O programa electoral dos populares recolle tamén a elaboración dun Plan Director para a dinamización do Camiño de Santiago.
Os populares achegáronse ata o baixo do Hotel Comercio, un inmoble que, segundo explican, evidencia a nefasta xestión municipal levada a cabo polos socialistas, que non foron capaces de abrir en catro anos o Centro de recepción e Interpretación do Camiño de Inverno pola Ribeira Sacra, pese a ter feito un investimento superior aos 15.000 euros e a pagar mensualmente máis de 300 polo seu aluguer.
A candidata do PP á Alcaldía fixa como prioridade a apertura do inmoble e avanza a colaboración coa Asociación de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra para a súa xestión. “É unha asociación que de forma desinteresada potenciou o Camiño e penso que debemos axudarnos uns a outros para seguir ese labor de dinamización que consiga traer máis xente á nosa cidade”, precisa.