Partido Popular de Lugo

Lamela afirma que a Edmundo Maseda “só lle queda recorrer á mentira para tapar un mandato baleiro para O Valadouro”

25, abril, 2019. O candidato á alcaldía do Partido Popular no Valadouro, José Manuel Lamela, afirma que ao rexedor socialista Edmundo Maseda “só lle queda recorrer á mentira para tapar un mandato baleiro para a localidade”. O popular considera que “non todo vale” e os veciños “merecen respecto e non estar sometidos a un continuo engano, pero a realidade de non ter feito nada polo Valadouro, obrígao a facer da mentira a súa mellor arma política”.

 

José Manuel Lamela vese na obriga de aclararlle unha vez máis ao rexedor que “deixamos o Concello saneado con 150.000 euros de superávit e 350.000 euros de remanentes”. O popular tacha de “intolerable” a “cara dura” que pode chegar a ter o rexedor socialista que acusa ao ex alcalde do PP de deixar o concello sen liquidez e incluso sen fondos para pagar as nóminas dos traballadores.

 

A este respecto, o popular asegura que o socialista “falta á verdade a sabendas e de xeito mal intencionado, xa que el mesmo firmou ante o secretario do Concello a documentación que reflectía a situación económica saneada na que deixaba á administración local”. Neste senso, Lamela engade que a número 2 da candidatura socialista do Valadouro aos comicios do próximo 26 de maio, “foi funcionaria municipal, polo que lle pode preguntar directamente a ela se nalgún momento deixou de cobrar a súa nómina”.

 

A maiores, José Manuel Lamela lamenta que o alcalde socialista engane aos veciños “non só sobre a xestión do PP no anterior mandato, senón atribuíndose méritos que non lle corresponden”. O alcaldable popular pregúntalle ao rexedor polos 200 postos de traballo que asegura que se crearon no Valadouro. “Que nos aclare onde están e cales son estes empregos”, defendeu.

 

O popular engade que outro dos “méritos” que se atribúe Edmundo Maseda é o do incremento da natalidade e polo tanto do número de alumnos. Lamela lembra que “fai xa 9 anos, co Goberno popular impulsáronse e apoiáronse iniciativas para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral como é o servizo de madrugadores ou as actividades pola tarde. Tamén dotamos ao Valadouro dunha gardería, que nun principio foi municipal e posteriormente cedeuse á Xunta. Maseda e os seus compañeiros do partido socialista votaron en contra desta dotación para os nenos”.

 

Co PP á fronte do Concello creouse tamén a residencia da terceira idade. E nos últimos anos do Goberno popular, ademais das vivendas de protección oficial que xa estaban construídas, “fixéronse outros dous novos bloques, un de 30 e outro de 20 vivendas de protección oficial”, engade.

 

Polo tanto, Lamela defende que estas iniciativas “si contribuíron a que hoxe en día se arroxen un datos positivos no número de alumnos, do que nos alegramos enormemente, pero do que nada se lle debe aos socialistas locais”.

 

En definitiva, Lamela pide “seriedade” e “respecto” e sobre todo “traballo e unha aposta clara polo Valadouro”.