Partido Popular de Lugo

O PP pedirá que a Deputación leve a cabo de maneira prioritaria o arranxo da estrada LU-P-1401 que une Doiras co Piornedo

26, abril, 2019. O Grupo Provincial do Partido Popular rogaralle á Deputación de Lugo no vindeiro Pleno que leve a cabo, de maneira prioritaria, todas as actuacións precisas para o arranxo da estrada de titularidade provincial LU-P-1401 que une Doiras co Piornedo, no Concello de Cervantes, que leva pechada desde o pasado verán.

 

Mentres non se leva a cabo esta actuación e se restableza o tráfico, o Grupo Provincial do PP pide que se instale unha sinalización adecuada na que se indiquen as rutas alternativas para os condutores.

 

Demasiados meses pechada

As choivas producidas o pasado inverno provocaron unha serie de desprendementos que danaron a estrutura por completo, de maneira que desde hai meses a vía está pechada ao tráfico. Os populares consideran que desde a Deputación deberan ter actuado con maior dilixencia, atendendo ao número de vehículos que transitan pola vía.

 

O Grupo Provincial do PP faise eco das queixas que desde entón e recentemente teñen trasladado os veciños e veciñas a través dos medios de comunicación ante esta situación que se alonga demasiado no tempo e tamén sobre a inexistencia dunha sinalización adecuada na que se recollan as rutas alternativas.