Partido Popular de Lugo

Jesús Núñez Díaz preséntase como candidato á alcaldía das Nogais co aval do labor realizado á fronte do Concello

11, abril, 2019. Jesús Manuel Núñez Díaz será o candidato do PP á alcaldía das Nogais onde se atopa á fronte do consistorio dende o ano 2011. Así o deu a coñecer a presidenta provincial do Partido, Elena Candia, destacando o rigor e a dedicación do rexedor deste municipio da comarca dos Ancares.

 

A máxima dirixente dos populares da provincia agarda que “os veciños e veciñas das Nogais volvan depositar a confianza no seu alcalde igual que fixeron no 2015 cando o partido Popular logrou revalidar maioría absoluta no municipio”.

 

O alcaldable popular cre “o equipo de goberno ten cumprido os obxectivos” á fronte do Concello das Nogais. Polo tanto, co aval do labor realizado Núñez Díaz amósase disposto a continuar con ese “espírito de traballo” para atender as demandas dos veciños e veciñas.

O rexedor popular, e deputado provincial dende 2017, destaca o “forte apoio do Goberno da Xunta” fronte ao castigo que sufriu o municipio por parte do Goberno da Deputación Provincial, principalmente, no mandato anterior.

 

A Xunta aportou máis de 2,3 millóns de euros

Núñez Díaz pon en valor os máis de 2,3 millóns de euros que o Goberno galego achegou durante o último ano ao municipio. Destacan, principalmente as partidas de medio rural das que se benefician directamente os agricultores e gandeiros e que superan os 1,1 millóns.

 

Así mesmo, o municipio viuse beneficiado doutras achegas por parte desta consellería en materia de prevención de incendios. E con cargo ao Fondo de Cooperación Local, As Nogais recibiu máis de 150.000 euros. Pero a isto hai que engadir as achegas da Xunta para o financiamento do SAF que permitiron aumentar as horas deste servizo de axuda no fogar. Tamén colaborou o Goberno galego co municipio en materia de emprego a través dun obradoiro e do programa Aprol Rural, entre outras achegas en beneficio do municipio.