10, abril, 2019. Os candidatos do PP ao Senado e ao Congreso pola provincia de Lugo remarcaron en Monforte, durante un encontro con empresarios, o seu compromiso e o do Partido Popular coa conexión ferroviaria entre Lugo e Ourense e a cidade do Cabe.
As candidatos lucenses ás Cortes Xerais do Estado recordaron que “o Goberno do PP demostrou a través dos Presupostos Xerais do Estado para o 2018 a súa implicación por dar solución ás carencias en materia de comunicación ferroviaria da nosa provincia coa meseta”.
Pola contra, e despois de ter amosado as súas críticas ante os pasos que deu o Goberno popular nese sentido, “os socialistas propuxeron reducións nas partidas orzamentarias dirixidas á renovación e á construción de variantes na liña Monforte-Lugo e para a súa electrificación”.
No primeiro caso, o Goberno de Pedro Sánchez propoñía unha redución do 65% dende os 889 millóns de euros que recollía o presuposto elaborado polo Partido Popular aos 310 millóns proxectados polo PSOE”. Isto suporía “un retraso na súa posta en marcha ao pasar do 2022 ao 2023”. “E para a partida de electrificación da liña Monforte-Lugo a redución do coste das obras pasa de 113 millóns a 83 millóns, un 27% menos”, sinala o candidato ao Congreso, Joaquín García Díez.
Os populares critican, así mesmo, que “o Goberno de Sánchez non explicara en ningún momento a situación na que se atopan os proxectos das variantes que vai levar a liña entre Lugo, Monforte e Ourense, a supresión dos pasos a nivel e a electrificación do tramo entre Lugo e Monforte cando en maio do ano pasado o Goberno popular aclaraba que estarían listos para expoñerse no verán a información pública, antes da súa licitación, aportando documentos serios que recollían prazos e consignacións orzamentarias”.
Sobre este asunto tanto os deputados coma os senadores populares lucenses teñen presentado na lexislatura que ven de rematar preguntas ás que “o PSOE non deu unha resposta clara. Tememos que estes proxectos non se fixeran e, polo tanto, estean sufrindo un retraso considerable que fan imposible cumprir os prazos que o propio Goberno de Sánchez ten anunciado”.
Para os populares “isto demostra, unha vez máis, que para o PSOE o sur da provincia de Lugo non é unha prioridade. A prioridade de Sánchez é pagar aos independentistas cataláns, vascos e Podemos o seu apoio para mantelo na Moncloa”. E avanzaron que “co PP os proxectos encamiñados seguirán o seu curso; pero co PSOE non están garantidos” e iso supón “un prexuízo para a comarca”.
Ribeira Sacra, candidata a Patrimonio da Humanidade
Os candidatos populares ao Congreso e ao Senado coincidiron tamén en sinalar “a boa nova que supón a aprobación da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade” despois de que dende as diversas institucións se reclamara e se traballara co mesmo obxectivo: o da posta en valor dun territorio singular.
Concretamente, os populares xa presentaran na cámara baixa unha proposición non de lei fai xa 5 anos, en marzo do 2014, amosando o seu apoio á candidatura da Ribeira Sacra no seu camiño por ser declarada Patrimonio Mundial pola Unesco. Igualmente, o Parlamento galego aprobara en novembro do 2013 unha proposición non de lei, a proposta do Grupo Popular, a través da que se instaba á Xunta a prestar todo o seu apoio e o asesoramento técnico preciso aos promotores da candidatura para a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.