Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP agarda que o Goberno da Deputación someta a este Pleno o acordo para que os concellos conten con máis recursos

22 de outubro, 2018. O Grupo Provincial do PP conseguiu no pasado Pleno que o Goberno provincial estudara baixar ao 0% os xuros recadados polos concellos en período voluntario, polo que a Corporación acordou deixar a proposta do PSOE sobre a mesa á espera de ter un estudo dos custos actualizados que permita levar a cabo a petición dos populares.

 

En concreto a emenda do PP referíase á modificación das bases terceira, décima, décimo primeira e décimo segunda das Bases que rexen a aceptación e asunción, por delegación expresa, de competencias en materia de xestión, inspección e recadación en relación a tributos, prezos públicos e outros ingresos de dereito público.

 

Os populares agardan que a proposta volva ao Pleno deste mes, que se celebrará o vindeiro martes día 30, xa que parte de moitos alcaldes “para que eses ingresos adicionais se cobren o antes posible e estamos de acordo no fondo e na ampliación do convenio”.

 

Unha proposta do PP

“A primeira vez que se eleva a moción ao Pleno foi cando gobernaba o PP en xullo de 2015 para deixar como inembargable a vivenda habitual e o PSOE fixo unha emenda de substitución e solicitou o que pedimos hoxe, unha modificación para que o custo cero fora aplicado a todos os concellos e a Deputación non teña compensación pola xestión destes impostos”, precisan.

 

Recadación dos tributos municipais gratuíta

Os populares defenderon xa cando gobernaban que a xestión de tributos municipais por parte da Deputación de Lugo se ofrecese a custo cero. Así, durante o Goberno de Elena Candia os populares realizaron as xestións oportunas e contaban cos informes económicos e xurídicos favorables para garantir a xestión de recadación dos tributos municipais de xeito gratuíto.

 

Esta medida supón que a Deputación preste o servizo a custe cero para os municipios e non perciban o 1% do recadado en período voluntario, o que permite que os concellos teñan máis liquidez.

 

A prestación gratuíta do servizo, explican os populares, significaría un importante pulo para todos os concellos da provincia ao implicar unha inxección de liquidez que superaría o 1,6 millóns de euros e que posibilitaría aos concellos asumir as inversións necesarias para atender a todos os seus veciños e veciñas.