Partido Popular de Lugo

Os populares lucenses destacan “os resultados que están a dar as xestións do Goberno do PP” en materia ferroviaria

23, outubro, 2018. Os deputados populares lucenses no Congreso, Joaquín García Díez e Jaime de Olano, salientan “os resultados que están a dar as xestións realizadas polo Goberno do PP no Estado” en relación á adxudicación da redacción dos proxectos de supresión de 36 pasos a nivel na liña de ancho convencional Ourense-Monforte-Lugo distribuídos en 9 lotes e cun prazo de execución de 10 meses por un importe global de 1.816.991,53 euros (IVE engadido) que Adif daba a coñecer no día de onte.

 

Os populares defenden que, deste xeito, “se da cumprimento ao compromiso do Goberno do PP de executar actuacións de mellora do trazado existente entre ambas cidades”. A este respecto, explican que se trata “dunha actuación posta en marcha polos populares no Goberno de Estado”. Non en van, o pasado 2 de xaneiro Adif licitaba a redacción do proxecto por importe de 2.845.530,1 euros (IVE engadido).

 

En torno a este proxecto e outras actuacións para esta liña ferroviaria, o ex ministro popular de Fomento, Íñigo de la Serna, explicaba en Lugo o pasado 7 de maio nunha reunión co presidente da Xunta, a alcaldesa de Lugo e outras autoridades, as actuacións que estaban en desenvolvemento para a supresión e protección de pasos a nivel no actual trazado de 117 km e que se divide en dous tramos diferenciados: Ourense-Monforte de Lemos de 46 km con vía única electrificada e Monforte de Lemos-Lugo de 71 km e vía única sen electrificar e que inclúe a variante da Pobra de San Xiao.

 

 

O PP, comprometido cos proxectos lucenses en materia ferroviaria

Estas obras, que pretenden aumentar a seguridade viaria e cidadá, supoñen “un salto cualitativo e cuantitativo para a conexión da provincia coa Alta Velocidade”, para os populares.

 

García Díez e Olano subliñan, polo tanto, o “compromiso do PP coas infraestruturas ferroviarias da provincia de Lugo”. De feito, “os proxectos polos que pelexamos dende o Partido Popular van vendo a luz”.

 

Pola contra, “os socialistas, agora á fronte do Executivo nacional, votaron en contra destas actuacións”.