Partido Popular de Lugo

Julia Rodríguez: “Os orzamentos da Xunta deixan en evidencia a incapacidade do alcalde de xestionar axudas para Monforte”

22, outubro, 2018. A voceira popular de Monforte e parlamentaria autonómica, Julia Rodríguez, asegura que “os orzamentos da Xunta para o 2019 reflicten a inacción e a incapacidade de xestión do señor Tomé. A súa incompetencia si que castiga aos veciños e veciñas de Monforte e non o Goberno autonómico como el manifestou”.

 

Rodríguez recorda que “xa denunciamos moitas veces a cantidade de axudas que non pide o alcalde; pero a súa incapacidade para xestionar axudas para Monforte queda aínda máis claro vendo o que reciben e xestionan os concellos limítrofes como Sober ou Pantón”. Nese sentido, dende o Grupo Municipal Popular cren que “está obsesionado co asfalto e non é capaz de ver máis alá”.

 

En alusión ás comparacións que realizou o rexedor monfortino cos investimentos da Xunta para o municipio de Sober, a voceira popular insístelle en que “o alcalde de Sober si ten realizado convenio coa Xunta para o saneamento das parroquias. Pola contra, dende o Grupo Municipal Popular de Monforte levamos anos pedíndolle que faga o saneamento de Calvos e os propios veciños de Moreda tamén levan tempo pedíndolle o mesmo. Pero, non foi capaz de formalizar ningún convenio porque nin sequera o pide”, explica.

 

Igualmente, o Concello de Sober beneficiarase de 400.000 euros para a rehabilitación de vivendas municipais que compra en mal estado e a baixo prezo; pero “o señor Tomé non é capaz de pedir estas axudas para Monforte”. E o mesmo sucede en materia de turismo ou patrimonio cultural. Precisamente neste último eido “dende o Grupo Popular témoslle pedido que procurase financiamento doutras administracións para o rehabilitación do tramo da muralla de titularidade municipal, pero non foi capaz de xestionar nada nin de liderar este proxecto. Mesmo votou en contra da nosa proposta”, aseguran os populares.

 

O alcalde, sen iniciativas para o eido agrario”

A falta de axudas no eido da mobilidade de terras tamén se debe “á falta de interese por parte do alcalde monfortino” porque “non presentou ningunha iniciativa neste sentido. É máis, votou en contra cando lle solicitamos que declarase Monforte zona de actuación intensiva co obxectivo de favorecer actuacións no ámbito agrario”, conclúe a voceira popular de Monforte.