Partido Popular de Lugo

Os populares de Monforte defenden a proposta do club Quixós para salvar a presa de A Pinguela

18, outubro, 2018. Os populares monfortinos felicitan ao club Quixós polos seus éxitos deportivos e, de modo especial, por ser quen de facer unha proposta á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) que permitiría salvar a presa de Piñeira, no río Cabe. A voceira municipal, Julia Rodríguez, defende a construción dunha canle de piragüismo de eslalon; xa que “permitiría manter a presa ao tempo que dotar de novas infraestruturas deportivas ao municipio”.

 

A este respecto, dende o Grupo Municipal Popular de Monforte poñen en valor a idea e iniciativa do club de piragüismo que permitiría contar cunha infraestrutura axeitada para a práctica desta disciplina deportiva no municipio. E, ao mesmo tempo, lamentan que “non houbera ningunha proposta do Goberno local que era o responsable de traballar e buscar algunha iniciativa neste sentido”.

 

De feito, dende o PP local critican que “o Sr Tomé non fora quen de entender a necesidade de presentar un proxecto cando lle indicamos que, para a súa conservación, era necesario presentar un vinculado á presa”. Naquel momento, recordan os populares monfortinos, “o alcalde, ademais de cargar contra nós, conformouse co derrubamento da presa”; xa que “non presentou un proxecto técnico concreto que xustificase a súa permanencia” atendendo á normativa europea.

 

Conservar a presa e favorecer a actividade do club

A voceira do Grupo Municipal Popular, Julia Rodríguez, asegura que “non podemos máis que alegrarnos de que o Club Quixós presentara a súa proposta que permita salvar a presa ao tempo que favoreza a actividade do club e permita que se organicen competicións de piragüismo de máis alto nivel”.