Partido Popular de Lugo

Os populares da Pobra do Brollón lamentan que o Concello non solicitara obradoiros de emprego

14, setembro, 2018. O voceiro popular da Pobra do Brollón, Fernando Parada, lamenta que o Concello non solicitara a implantación dalgún obradoiro de emprego que financia integramente a consellería de Economía, Emprego e Industria. De feito, este ano a Xunta achega de 5,5 millóns de euros para os 20 obradoiros concedidos na provincia de Lugo, o 100% dos solicitados.

 

Así, o Goberno local nacionalista da Pobra do Brollón “desperdiciou a oportunidade de ofrecer formación e un salario a persoas en situación de desemprego durante un período mínimo de 9 meses co obxectivo de mellorar a súa empregabilidade ao tempo que realizarían tarefas en beneficio dos veciños e veciñas destes concellos”.

 

Polo tanto, os populares consideran “grave” que o Goberno local “perdera esta oportunidade por non ter solicitado estes obradoiros que, este ano, inclúen a posibilidade de combinar este contrato que ofrece aprendizaxe e un salario cun contrato adicional de polo menos tres meses máis nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial do obradoiro e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro”. Polo tanto, “os veciños e veciñas no paro perderon a posibilidade de mellor as súas aptitudes e tamén a posibilidade de lograr un contrato posterior á finalización do obradoiro”.

 

Evidente falta de compromiso co emprego”

Parada asegura que “o Goberno local evidencia, deste xeito, a súa falta de compromiso coas políticas de fomento do emprego e a súa despreocupación polos prexuízos que lles poidan causar aos posibles beneficiarios”.

 

“É moi difícil de entender que unha entidade local perda unha axuda da Xunta polo simple

feito de non tela solicitado cando é a administración autonómica a que sufraga

integramente o custe deste tipo de programas”, insisten dende o PP da Pobra do Brollón.

 

 

Emprego xuvenil

Os populares recordan tamén que a Xunta concedeu na provincia dous obradoiros dirixidos a mozos e mozas menores de 30 anos en situación de desemprego. Foron os solicitados polos Concellos de Lugo e Ribadeo e permitirán ás 30 persoas seleccionadas, 15 por cada obradoiro, recibir formación durante un período mínimo de 6 meses.