31, xullo, 2018. O Grupo Provincial do PP conseguiu sacar adiante por unanimidade unha moción para que o equipo de Goberno da Deputación corrixa de forma inmediata as deficiencias que están a dificultar e impedir a apertura do complexo turístico de Augasmestas, en Quiroga.
A voceira do PP, Elena Candia, explicou que é unha pena ver como están as instalacións despois de todo o investimento que se ten feito. “Será un exercicio de responsabilidade que isto se resolva”, expuxo. A voceira recordou que en 2008 a vicepresidenta da institución, a nacionalista Vega Buján, anunciaba a recuperación de Augasmestas cun complexo turístico pioneiro en España que abriría en 2010. O mesmo facía en 2014 Besteiro coa aprobación dun concurso para rehabilitar as instalacións. “Sempre eran proxectos renovadores e ambiciosos coincidindo con datas electorais, pero as instalacións seguen pechadas”, precisou.
A popular lamentou o abandono e despreocupación por parte da institución que nestes anos sufriron diferentes edificios da Deputación, non só en Quiroga. “Se de febreiro a xullo só houbo unha chamada á concesionaria demostran pouco interese. Nunca lles preocupou salvo en época electoral, cambien de actitude, implíquense e póñano en marcha canto antes”, pediu. Candia reclamou que os socialistas abandonen os brazos caídos con Augasmestas e se reúnan coa concesionaria e lle axuden en relación cos permisos pendentes. “Cumpran cos veciños, co principio de responsabilidade e con vostedes mesmos e as súas promesas”, replicou.
Só funcionou durante dous anos
Os populares recordaron que o complexo, que incluía na súa oferta cámping, área recreativa, aparcadoiro para autocaravanas, cafetería, piscina, aseos e duchas, entre outros servizos, foi construído en 1996 e ocupa unha superficie de 10 hectáreas na zona onde o río Lor desemboca no Sil. Posteriormente, no ano 2004 acometíanse obras de ampliación coas que se rehabilitaban varias edificacións e se dotaba ao lugar de cinco bungalós. Pero, “dende esta ampliación, o complexo só funcionou durante dous anos”, remarcan dende o Grupo Provincial Popular.
Dende o PP precisaron que “coa chegada do bipartito á Deputación o complexo caeu en desgraza sendo saqueado e espoliado”. Se ben o organismo provincial executou obras nestas instalacións turísticas, a última delas no ano 2017, coa finalidade de repoñer os elementos afectados polo vandalismo e arranxar os aqueles afectados polo paso do tempo, “o complexo de Augasmestas non volveu abrir as súas portas dende entón”, apuntan os populares, “e pasaron xa 12 anos”.
De feito, a Deputación adxudicou no ano 2015 a xestión deste complexo a unha empresa privada; pero a día de hoxe continua pechado e sen data para a súa apertura porque “a Deputación non fixo os deberes”, indican dende o Grupo Provincial do PP.
Así as cousas, os populares non teñen coñecemento de que as instalacións conten co correspondente permiso por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, o paso previo para que o Concello de Quiroga poida conceder a licenza de apertura. E, tal e como deu a entender o actual equipo da Deputación nalgunha ocasión, “o Concello de Quiroga non ten a responsabilidade de que o complexo permaneza pechado”.