Partido Popular de Lugo

O Grupo Popular celebra a sinatura do convenio entre a Deputación de Lugo e o Concello para a construción da residencia de maiores en Folgoso do Courel

Lugo, 1 de agosto de 2018.- O Grupo Provincial Popular celebra que se salde unha débeda histórica co Concello de Folgoso do Courel coa firma, hoxe, do convenio coa Deputación de Lugo para a construción da residencia e centro de día da terceira idade.

 

Neste senso, o Grupo Provincial do PP na Deputación de Lugo destaca que a residencia e centro de día será unha realidade grazas á colaboración de todas as forzas políticas. Así, o PP tivo un papel primordial xa que hai que lembrar que o proxecto de creación desta infraestrutura quedou canalizado na Deputación xa no ano 2015 cando estivo na presidencia a popular Elena Candia e que a administración provincial, tras a xestión do Grupo Popular na institución lucense, incluíu nos orzamentos de 2016 unha partida para a súa creación.

 

Os populares piden axilidade ao presidente da Deputación, Darío Campos, a fin de poder sacar a licitación canto antes as obras de construción do centro xa que o Concello de Folgoso do Courel realizou fai meses os trámites que lle correspondía e deu aviso delo ao organismo provincial, pese ao cal o proceso para a firma do convenio foi lento. Polo que esperan que, a partir de agora, os prazos se vaian acurtando o máximo posible para que a residencia e centro de día estea rematada e, así, poda prestar o seu servizo cantos antes.

 

Trátase dun proxecto prioritario para o Concello de Folgoso do Courel dado o importante beneficio que suporá para os veciños e veciñas do municipio.