Partido Popular de Lugo

Daniel Vega pon en valor o esforzo da comunidade educativa da Mariña

27, xullo, 2018. O deputado autonómico e secretario de Organización do Partido Popular de Lugo, Daniel Vega, acompañado do presidente da xestora do PP burelés, Manuel Rouco, mantiveron este venres dous encontros con representantes da asociación da Moncloa e do IES Monte Castelo de Burela para coñecer de preto as súas inquedanzas e trasladalas ao correspondente organismo competente. Estas xuntanzas enmárcanse “no camiño” emprendido hai meses por Daniel Vega de “facer unha política porta a porta”, baseada no contacto directocos cidadáns.

 

O IES Monte Castelo é un dos centros de referencia de toda a comarca da Mariña; xa que a súa oferta académica comprende ESO, Bacharelato, ciclos formativos de grao medio e superior relacionados coa saúde e o deporte tanto nas súas modalidades ordinarias coma de ensinanzas para adultos. Pero, ademais, conta con distintos programas de ampliación de estudos coma a Aula Mentor de formación a distancia a través de Internet,o programa Cuale para a formación complementaria en linguas estranxeiras ou unha sección da Escola Oficial de Idiomas de Viveiro e intercambios con outros países da UE; sen esquecer que “é o único centro da Mariña que ofrece o Bacharelato artístico”.

 

Durante o encontro abordáronse as necesidades de acometer pequenas obras de mellora, pero tamén outras necesidades de maior envergadura coma a reposición de equipos informáticos ou a remodelación dos sistema de calefacción “sobre o que os técnicos nos teñen posto en alerta de cara a unha posible avaría importante”, como avanza o director do centro, Luís María Díaz, que acompañado polos xefes de estudos José Ángel García e Lidia Rodríguez, valora positivamente “esta oportunidade para trasladar as carencias do instituto”.

 

Os dirixentes do PP a nivel provincial e local interesáronse tanto polo traballo do equipo docente coma polas actividades que o seu alumnado desenvolve no centro poñendo en valor “o esforzo de toda a comunidade educativa”. É por iso polo que Daniel Vega se comprometeu a dar traslado das súas peticións ante a consellería de Educación co obxectivo de “potenciar a formación que se ofrece na comarca da Mariña”.

 

Asociación de xubilados A Moncloa

Vega e Rouco tamén se achegaron ao porto de Burela para visitar o local social da asociación A Moncloa onde mantiveron unha reunión coa xunta directiva deste colectivo que reúne a 128 mariñeiros xubilados. “O sector pesqueiro marca claramente á nosa comarca tanto no ámbito socio-económico coma cultural, polo que debemos manter e potenciar o seu valor”, indicou Vega.

 

Deste xeito, e apoio aos integrantes desta asociación, criticaron que o BNG local pretenda cambiar o nome da rúa na que se atopa a infraestrutura portuaria, Eijo Garay, pois, segundo destaca o deputado autonómico, “iso signicia que os nacionalistas pouco ou nada coñecen o que fixo este ilustre bispo polo porto desta vila”.

 

Os populares, neste senso, puideron coñecer de preto a actividade que desenvolve este colectivo que, ademais do seu labor sociocultural e recreativo, desempeña unha función pedagóxica; xa que achega aos centros de ensino a cultura mariñeira a través dos coñecementos e experiencias destes mariñeiros retirados. De feito, nas propias instalacións das que dispoñen no Porto de Burela manteñen aparellos ou partes de barcos antigos, así coma cadros tanto de embarcacións coma de mariñeiros, que fan as ledicias dos visitantes.

 

Precisamente de cara á conservación destas pezas e do local en xeral, a directiva da asociación da Moncloa trasladoulle a Daniel Vega e Manuel Rouco as súas necesidades máis inmediatas baseadas en pequenas obras de mellora. Así mesmo, tamén abordaron a necesidade de ampliar o local “que xa se está quedando pequeno”, segundo a secretaria da asociación, Herminia Pernas. Neste caso, deberanse desenvolver ante Portos de Galicia as xestións oportunas que tanto o secretario de Organización do Partido Popular de Lugo coma o presidente da xestora do PP de Burela quixeron escoitar.