Partido Popular de Lugo

O PP de Cervantes demandará explicacións en Pleno ao alcalde sobre o anuncio da residencia da 3ª idade

25, xullo, 2018. O voceiro popular de Cervantes, Javier Santín, adianta que este xoves pedirá explicacións ao alcalde, no Pleno, sobre o anuncio realizado recentemente por este nun medio de comunicación, e que fai referencia a intención do Concello de dotar a este municipio dunha residencia da terceira idade. O popular considera necesario que o rexedor local “debe dar conta das previsións que manexa para intentar evitar que este sexa un anuncio electoralista como nos teñen acostumados a Deputación e o Concello”.

 

Javier Santín fai esta valoración amparándose nos pasos dados en anos anteriores polos dirixentes do Concello, e que fan sospeitar que “o que pretende vender o alcalde é un proxecto sen rigor e sen ningunha solidez”. E é que a entidade local xa reservou sendas partidas nos Orzamentos de 2017 e 2018 de 30.000 euros para a suposta adquisición dos terreos “e non temos constancia de que os executara”. Ademais, dende o Partido Popular xa pediron esta infraestrutura ao comezo da lexislatura, polo que defenden que “xa era hora de que se plantexase algo así”.

 

O voceiro do PP tamén destaca que esta formación política tamén lle expuxo ao rexedor socialista a posibilidade de encargar a un ente externo, como pode ser SUPLUSA, a elaboración dun estudo de viabilidade para o aproveitamento de edificios existentes no municipio, pero que están en desuso, e destinalos a un centro destas características. É o caso dos colexios de Donís e Doiras, que están pechados na actualidade.

 

Deste xeito, segundo defenden dende o PP, “non só se lle daría unha utilidade pública a estes inmobles, senón que serían aproveitados para dar un servizo aos veciños que o demanden en Cervantes”.

 

“O que pretendemos é coñecer se se avanzou algo neste eido porque aí é onde se demostra a vontade das administracións porque en materia de servizos sociais, tanto para o PSOE no Concello, como na Deputación, estamos á cola e non merecemos este trato”. Proba delo é que outros municipios da Montaña como son A Fonsagrada e Pedrafita teñen a residencia rematada; en Navia de Suarna o proxecto está avanzado, ao igual que en Becerreá.

 

Falla de dinamización do municipio

Noutra orde de asuntos, os populares tamén pedirán ao Goberno local explicacións de como é que o Concello colabora coa Festa do Emigrante de Navia de Suarna e, “a día de hoxe, aínda non sabemos se imos ter unha festa patronal en San Román o 9 de agosto que acompañe a feira de artesanía que organiza a ANPA”.

 

“Queremos coñecer por que apoia as iniciativas de outros concellos e, sen embargo, non colabora coas comisións de festas e asociacións de veciños do municipio cando organizan festexos, excursións e outro tipo de actividades”. Neste senso, dende o PP, consideran “imprescindible” que a entidade local “abandone a falla de iniciativa neste eido, pois se algo se fai en Cervantes, afirman, é pola implicación e o traballo das asociacións e non polo propio Concello”.

 

“Cremos que os veciños de Cervantes non merecemos que se coñeza o noso municipio só por desgrazas, senón que se debe coñecer polas potencialidades que temos. Por iso lle pedimos ao alcalde moita máis iniciativa política neste senso e que apoie o enorme traballo que están a facer as asociacións veciñais e comisións de festas”, insiste.