Partido Popular de Lugo

O PP de Trabada lamenta que a alcaldesa acepte un convenio sobre a residencia que é prexudicial para os intereses do Concello

16, maio, 2018. O Grupo Municipal do PP de Trabada lamenta que a alcaldesa vaia someter hoxe ao Pleno da Corporación un convenio sobre a residencia de maiores que é prexudicial para os intereses do Concello. Tanto é así, precisan, que o primeiro que habería que facer é dispor dun estudo económico no que se aclare cómo se xustifica ese gasto que previsiblemente incumprirá o plan de estabilidade municipal.

 

O PP absterase na votación desta tarde ao entender que o convenio que debe rexer para a residencia de Trabada é o asinado xa no ano 2011 e máis tendo en conta que o novo texto que a alcaldesa somete ao Pleno supón un investimento maior. Os populares consideran que o convenio do ano 2011 favorece economicamente ao Concello, mentres que o novo nin tan sequera aclara a contía exacta que corresponde asumir.

 

Á vista do novo convenio a estimación que fai o PP achégase aos 87.000 euros anuais para o Concello, derivados do funcionamento da residencia e sen contar os custos do centro de día; un importe que co anterior convenio non existe. “Queda claro que a alcaldesa defende antes os intereses do seu partido político que os do Concello”, explican.

 

Desde o PP lamentan que, sendo Trabada un dos Concellos que contan co Permiso de Inicio de Actividade (PIA) outorgado pola Xunta de Galicia os socialistas estean a poñer paus nas rodas para demorar a súa apertura, sen ter en conta as necesidades dos veciños e veciñas potenciais usuarios do centro.

 

O voceiro dos populares, José Manuel Yanes Ginzo, asegura que durante o seu Goberno se fixo un investimento de 289.900 euros, sendo a posta en marcha e a xestión competencia da Deputación e agora aceptan unha proposta que trae consigo un custo elevadísimo para o Concello e que nin sequera está cuantificado na súa totalidade. “Non saben nin o que asinan”, indica.

 

Castroverde non asinou este convenio

Os populares aclaran que esta decisión non se sostén, como así demostra o feito de que outros concellos, como o de Castroverde, tamén gobernado polo PSOE como Trabada, decidiran non asinar o novo convenio ao entender que é prexudicial para o Concello e que as entidades locais non poden asumir os novos gastos que carrexa.

 

Así, desde o Grupo Municipal do PP recordan que primeiro os socialistas fixeron todos os trámites a través da Sociedade Urbanística Provincial, por ser quen ten a encomenda de xestión (incluída a construción e xestión) sobre as residencias, para despois dar un xiro inexplicable na súa acción retirándolle as competencias a Suplusa para darllas á Deputación.

 

Os populares de Trabada consideran que “cada día que pase” coa residencia pechada será responsabilidade de Mayra García, que como alcaldesa e deputada provincial está a poñer atrancos para impedir que as instalacións poidan empezar a funcionar. Lamentan que a falta de entendemento e os desaguisados internos que ten o PSOE na Deputación vaian manter paralizadas unhas instalacións nas que se investiron preto de 1,5 millóns de euros.