Partido Popular de Lugo

O PP de Láncara insta a Piñeiro a buscar unha utilidade pública aos espazos ferroviarios que quedan en desuso coa posta en marcha da nova variante

LÁNCARA, 25 de abril de 2018.- O PP de Láncara, que lidera Santigo Cubillas, anuncia que no vindeiro Pleno presentarán unha iniciativa para instar ao alcalde a buscar unha utilidade pública aos espazos ferroviarios que quedan en desuso coa posta en marcha da nova variante de Adif. Trátase dos espazos que ocupan as vías do tren existentes, así como a propia estación.

 

Cubillas, arroupado polos grupos municipal e provincial, defendeu que se trata dunha medida “que benificiaría a Láncara”, polo que agarda que o rexedor socialista “teña altura de miras” e dea o visto e prace á proposta popular. Trátase dun proxecto do que se ten moito falado dende hai tempo, e que os populares levaban no seu programa electoral. Xa a anterior corporación presidida por Eladio Capón realizou xestións con ADIF neste senso. Por todo isto, piden ao actual alcalde que non actúe “con improvisación” e teña en conta as propostas dos outros grupos.

 

Os populares fixeron esta valoración no transcurso dunha visita realizada á variante do tren, que xa puxo en marcha o organismo dependente do Ministerio de Fomento, e na que precisamente esta fin de semana se desenvolveu un simulacro ante a inminente entrada en servizo, e xa foi posta en marcha no día de onte. O administrador de Infraestruturas Ferroviarias levou a cabo dende o pasado xoves distintos traballos para a posta en marcha de dita variante, que supera os sete quilómetros de lonxitude. Concretamente, durante estes días realizouse o empalme do novo trazado e a antiga liña, a renovación de 500 metros de vía e probas de software de sinalización.

 

En total, o departamento estatal investiu nesta actuación máis de 90 millóns de euros que conlevan a supresión dos 14 pasos a nivel do anterior trazado, aumentándose así a seguridade vial e cidadá.

 

Un paso decisivo na Alta Velocidade”

Tanto o grupo municipal como o provincial, que dirixe Elena Candia, valoraron “moi positivamente” os avances desta obra que “supón un paso significativo na conexión da provincia coa Alta Velocidade”, afirmaron. Neste senso, apuntaron que “hoxe puidemos comprobar que o compromiso do Goberno é irrenunciable coas infraestruturas ferroviarias”, tal e como xa se anunciara en sede parlamentaria, onde o Executivo estatal manifestou, en reiteradas ocasións, que seguen traballando a bo ritmo en reducir sensiblemente os tempos de viaxe entre a cidades de Lugo e Ourense, coa posta en servizo desta variante, os proxectos das novas para Os Peares e Rubián, a electrificación entre Monforte e Lugo, a eliminación de pasos a nivel, e o incremento de frecuencias con novos trens, entre outras actuacións.

 

Chamamento aos deputados por Lugo nas Cortes

A este respecto, fixeron un chamamento aos deputados por Lugo nos grupos da oposición, e con representación nas Cortes Xerais, pois “se realmente queren ilusionar aos lucenses cun traballo rigoroso, deben aprobar os Orzamentos do Estado, xa que é, precisamente, nestas contas onde se inclúen as cantidades necesarias para que durante os vindeiros anos se garantan os investimentos necesarios que precisa a Alta Velocidade lucense”.