Partido Popular de Lugo

O PP insta á Xunta a seguir traballando para mellorar a asistencia primaria e ao Ministerio a incrementar prazas de MIR en especialidades con déficit

24, abril, 2018. O Grupo Provincial do Partido Popular presentou esta mañá en Pleno unha emenda á proposta presentada polo PSOE sobre o fortalecemento dunha atención primaria próxima, resolutiva e de calidade na provincia de Lugo. Os populares instaron á Xunta de Galicia a seguir traballando para mellorar a asistencia primaria na provincia de Lugo así como a calidade asistencial, as infraestruturas e dotacións de todos os centros e, do mesmo xeito, esixiron ao Ministerio de Sanidade e Asuntos Sociais a que incrementen prazas MIR nas especialidades con déficit como é o caso de Pediatría. Os socialistas e nacionalistas rexeitaron a emenda do PP o que motivou o voto en contra do PP á moción do PSOE, “na que menten e a que utilizan como arma política”.

 

O voceiro do Grupo Popular, José Ulla, defendeu que, “se saímos fóra da nosa comunidade, tendo un punto de referencia, sabemos a calidade asistencial que temos. Valoran máis a sanidade os de fóra que nós”, aínda así “lóxicamente hai que mellorar e avanzar e niso está a traballar a Xunta de Galicia”.

 

DATOS REAIS SOBRE O COMPROMISO SANITARIO DA XUNTA

“Aos políticos pídensenos datos” expuxo José Ulla, quen deu cifras que demostran a importancia que ten a sanidade para o PP. Enumerou que Galicia dispón de 469 centros de saúde e de 91 PAC, xunto a 14 hospitais máis POVISA, ademais da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias 061, e demais axencias e organismos dependentes da Consellería de Sanidade e Servizo Galego de Saúde. Nestes centros e dispositivos desenvolven o seu traballo arredor de 38.000 profesionais, 1.544 máis que no 2008. De igual modo, convocáronse 6.133 prazas entre 2009 e 2017. “Estas son cifras reais”, reafirmou, Ulla, ao tempo que engadiu que a Xunta está a traballar no compromiso de reducir a temporalidade no Servizo Galego de Saúde.

 

“O orzamento dedicado a esta finalidade representa máis do 40% do da comunidade autónoma, cifra que dá a recoñecer a importancia da sanidade para o PP”, afirmou.

 

ASISTENCIA PEDIÁTRICA

Ademais, “vostedes menten porque no hospital de Burela existe oferta asistencial que conta co servizo de atención pediátrica. Loxicamente é un servicio que se pode mellorar”.

 

En pediatría, hai unha rede de atención primaria atendida por pediatras “moi importante”, mentres, por exemplo, en Europa hai moitos países nos que non hai pediatras en atención primaria, explicou. O problema do déficit de pediatras é a nivel nacional e “desde a Consellería de Sanidade trasladouse a necesidade de incrementar prazas MIR nas especialidades con déficit como pediatría”, defendeu. Así, “o Sergas ten como obxectivo prioritario garantir a calidade da prestación sanitaria na atención pediátrica. A non dispoñiblidade de profesionais dificulta en moitas ocasións a cobertura do cadro de persoal, non obstante a atención, de non haber pediatra, é prestada polos médicos de familia, profesionais perfectamente capacitados para facelo”, engadiu.

 

USO DA SANIDADE COMO ARMA POLÍTICA

Por último, José Ulla precisoulles aos socialistas e nacionalista que “vostedes presumen de escoitar á cidadanía, pero a cidadanía non os escoitan a vostedes, xa que prefiren escoitar unha xestión eficaz”. Ante isto, o deputado popular invitounos a falar coa poboación e criticou que “utilicen a sanidade e o sufrimento das persoas como arma política”.

COLABORACIÓN DA DEPUTACIÓN COAS BIBLIOTECAS

O PP non apoiou a moción do PSOE sobre as bibliotecas ao entender que se trata dunha iniciativa oportunista que presentan por ter sito o Día do Libro e non porque lles preocupe a situación das bibliotecas en Galicia, que é igual que as de toda España, salvo en tres comunidades –Madrid, Cataluña e País Vasco, nas que aumentou o número de bibliotecas, xa que no resto a tendencia é á baixa.

 

O descenso a nivel nacional, explicou Francisco Balado, iniciouse no ano 2000 a nivel nacional. En 1996 había 480 bibliotecas en Galicia e no 2000 eran 685 e ata o 2016 foi baixando ata 486 ao día de hoxe, 6 máis que en 1996. “Chama a atención que a Deputación alerte dun problema do que os responsables somos os concellos porque a maioría son municipais, non da Xunta, que só ten 6 centrais, pero as demais están nos concellos e sendo esta unha institución de corte municipalista que debe axudar aos concellos, chama a atención que advirtan dun problema que se da en todos os concellos”.

O deputado asegurou que Galicia se atopa na media e indicou que Galicia foi en 2016 a segunda CCAA que máis fondos destinou ás bibliotecas cun aumento do 20%. “Non se pode culpar ao Goberno autonómico cando dependen dos concellos e ningunha biblioteca municipal vai pechar por causas alleas á autonomía municipal”, apuntou.

O deputado indicou que a Secretaría Xeral de Cultura destinou 1,2 millóns de euros para esta materia, “unha contía importante se a aproveitamos ben”. Tamén se referiu a contías importantes para dinamización da lectura e a que a Xunta convoca axudas para a mellora de coleccións bibliográficas e benefícianse 113 concellos e para a adquisición de novidades editoriais, das que se benefician 152 concellos. “Sería magnífico que a Deputación de Lugo colaborara de cando en vez con estas axudas co resto dos concellos”, dixo.