Partido Popular de Lugo

Os argumentos do alcalde de A Fonsagrada recoñecen que a construción do novo campo “non é boa” pois, do contrario, debería soportar calquera incidencia

A FONSAGRADA, 21 de febreiro de 2018.- O PP de A Fonsagrada considera que os argumentos esgrimidos polo alcalde para xustificar as deficiencias do novo campo de fútbol, veñen a recoñecer que a construción desta instalación deportiva “non é boa”, xa que, do contrario, debería de soportar calquera incidencia meteorolóxica. Así o destacan os populares logo de que o socialista atribuíse a caída do perímetro ás nevadas rexistradas nas últimas semanas.

 

Neste senso, dende este Grupo afirman que “é de sentido común pensar que un investimento de tal calibre leve asociado o uso de materiais de primeirísima calidade e que teña en conta que somos un municipio de alta montaña. Que neve na Fonsagrada nunca foi un feito illado. Sempre nevou e non só o fixo no campo de fútbol senón que tamén no resto do municipio, pero o único muro que caeu foi este e o resto están intactos. Seríann doutra calidade, xa que logo…””, insisten.

 

Por este motivo, lamentan que a infraestrutura que custou 550.000 euros, “é dicir, máis de 80 millóns de pesetas”, e que tan só leva en funcionamento ano e medio, xa precise da súa primeira reforma. “A Fonsagrada merece un campo así e moito máis. Só faltaría que nós nos opuxésemos a crear servizos no noso concello, pero o que si consideramos importante é que o investimento que se faga sexa axeitado. De pouco serve ter algo moi bonito se logo ao pouco tempo hai que amáñalo. Cremos que non estamos dicindo nada que non entre no sentido común”, afirman.

 

É que, destacan, este non é o primeiro arranxo que ten que facerse nesta infraestrutura. Segundo apuntan os populares, con anterioridade ao temporal ao que alude o rexedor, xa caeu a rede metálica que se puxera para tornar os balóns, houbo problemas nos baños, etc.

 

A ausencia do GES dificultou a atención ás incidencias

Tendo en conta que as previsións meteorolóxicas anuncian un novo temporal de frío para o día de hoxe e seguintes, a agrupación local do PP pide ao Concello que reconsidere a posibilidade de incorporar os traballadores dos GES que foron despedidos para así prestar unha mellor e rápida atención a calquera incidencia que poida producirse no futuro.

 

“Pensamos que sería un bo modo de prepararnos para atallar calquera problema que poida xurdir. A súa ausencia, sen lugar a dúbidas, puxo de de relevo nos últimos días a necesidade de que contemos con este servizo que, lembramos, foi reducido, polo capricho do alcalde, quen decidiu botalos á rúa porque yo lo valgo, xa que mantelos non supón ningún custo para o Concello, ao estaren sufragados nun 60% pola Xunta en un 40% pola Deputación. Ademais el sábeo, e xa non só como alcalde, senón tamén pola súa condición de deputado”, remarcan.

 

Concretamente, o rexedor socialista prescindiu dun operativo de emerxencias composto por 12 persoas e a custe laboral 0 para as arcas municipais. De disporen deste servizo, os populares, amósanse plenamente convencidos de que os días de máis nevadas a situación sería restablecida con maior eficacia.