Lugo, 23 de febreiro de 2018.- O Grupo Provincial do PP denuncia que o presidente da Deputación de Lugo, o socialista Darío Campos, torpedea a apertura das residencias, en concreto a de Castroverde, a primeira lista para a súa posta en funcionamento, ao non fixar os prezos por praza. A Corporación aprobou no último Pleno unha moción a instancias do PP para que o Goberno Provincial fixara de maneira urxente os prezos por praza dos centros de atención á terceira idade acordes co fin do servizo social que prestan, baseados nos pertinentes informes técnicos, de cara a avanzar na súa pronta apertura.
Case un mes despois nada se sabe do cumprimento deste acordo plenario. A maiores, esta semana celebrouse un Consello de Administración de Suplusa no que o presidente da Deputación tampouco deu conta deste compromiso. Os populares aseguran que a loita interna que manteñen os socialistas Campos e Martínez está a poñer en risco “unha vez máis” a posta en funcionamento dos centros de maiores, ao tempo que ameazan as posibilidades laborais dos traballadores seleccionados e dos futuros usuarios dos centros.
“Parécenos unha irresponsabilidade que, pese a existir un acordo do Consello de Administración de Suplusa e un acordo da Corporación Provincial, a día de hoxe siga habendo sospeitas sobre a forma de xestión das residencias e nin foran capaces de dar a coñecer o prezo que vai ter unha praza nun centro de día ou nunha residencia”.
A alongada sombra de Besteiro
Os populares advirten tamén que no último Consello de Administración o presidente socialista pediu que quedara sobre a mesa a presentación da solicitude para abrir a residencia de Trabada e Guitiriz aludindo a informes que anulan encomendas de xestión ordenadas polo anterior presidente do PSOE, Gómez Besteiro pese a que lles serviron para a contratación de residencias como a de Meira.
“De novo as loitas de poder entre os socialistas están a lastrar a apertura das residencias na nosa provincia, polo que pedimos dilixencia e traballo nun momento no que gran parte dos centros están rematados”. Os populares consideran que o normal sería dispoñer de maneira inmediata dun borrador dos prezos públicos para este servizo como así se ten acordado cos concellos cos que se asinaron convenios para a posta en marcha das residencias.
Desde o Grupo Provincial do PP critican que os socialistas só estean áxiles cando teñen que saír para botarlle a culpa de todo á Xunta, pero non son tan rápidos cando teñen que cumprir cos seus compromisos. “É intolerable que as persoas que precisen desas prazas non saiban canto custa estar nesas residencias ou neses centros de día, polo que lles pedimos aclaralo cantos antes”, engaden.
Os populares lamentan que a provincia teña que seguir sufrindo os desencontros entre os membros do PSOE, polo que lles piden que deixen a un lado as súas guerras de poder a se centren nas necesidades reais dos veciños e veciñas.