Partido Popular de Lugo

O PP de Sarria recorre o prego do Concello para a contratación do aluguer dunha nave destinada a almacén de materiais, gardería de vehículos e maquinaria

Sarria, 19 de xaneiro de 2017.- O Grupo Municipal do PP de Sarria tomou a determinación de recorrer, dentro do prazo legalmente habilitado, o acordo da Xunta de Goberno local de 7 de decembro de 2016 publicado no BOP o xoves 12 de xaneiro de 2017 e contra o prego de prescricións técnicas particulares do procedemento aberto para a contratación do aluguer dunha nave destinada a almacén de materiais, gardería de vehículos, maquinaria e outros e do prego de cláusulas administrativas particulares de dito procedemento. Os populares consideran que esta acción representa “un novo escándalo” da alcaldesa “que non podemos deixar pasar”.

 

Para a presentación deste recursos, os populares baséanse nos seguintes feitos. En primeiro lugar, o conxunto de prescricións técnica particulares elixidas polo Goberno municipal e nin sequera xustificadas en criterios obxectivos, fan que se produza unha clara alteración dun procedemento aberto xa que en Sarria só existe unha nave que cumpra con esas condicións e que curiosamente xa é a que ten arrendada o Concello a través dun contrato menor directamente asinado pola alcaldesa co propietario desde hai meses.

 

O prego de prescricións técnicas esixen unha nave en solo urbano da vila cunha superficie útil mínima de 2.500 metros cadrados, cunhas alturas mínimas de 6 metros (libre a cerchas) e 7 metros (libre a cubertas) cos servizos básicos de abastecemento de auga, de saneamento e subministro de enerxía eléctrica, con acceso rodado e pavimento á nave para camións, explanada exterior dentro da parcela onde se atopa a nave de 1.000 metros cadrados como mínimo, dispor como mínimo de 5 espazos cerrados e independentes para almacenamento e oficinas, dispor de aseos e vestiarios, dispoñibilidade inmediata para a súa ocupación para os fins do contrato, así como estar libre de servidumes, inquilinos e ocupantes, agás as naves alugadas polo propio Concello.

 

Estas esixencias mínimas describen de forma exhaustiva e clara, practicamente fotográfica, a nave actualmente arrendada pola alcaldesa, o que conleva desvirtuar un procedemento aberto, xa que só existe unha nave en Sarria que cumpra con todos os requisitos detallados no prego de contratación.

 

Trátase ademais dunha nave perfectamente coñecida pola alcaldesa e polo Grupo de Goberno, xa que foi arrendada por eles mesmos a través dun contrato menor con varios meses de antigüidade.

 

Un sobrecusto inexplicable

Así, o PP explica que este falso procedemento aberto que remataría nun contrato plurianual de natureza privada conleva ademais unha agochada suba da renda que actualmente paga o Concello, de preto de 100.000 euros máis. Dos 57.600 euros que se pagan na actualidade, pasarían a pagarse 153.600 euros. O importe pasaría dos 1.200 euros mensuais que se aboan na actualidade, a pagar máis de 3.000 euros mensuais pola mesma infraestrutura. A isto hai que engadir a imposibilidade de competencia que trae consigo unha clarísima alteración do prezo de aluguer, engaden.

 

Deste xeito, precisan, o importe final do aluguer convértese nunha operación ruinosa para as arcas públicas do Concello e, presuntamente, nunha actuación fraudulenta. Os populares consideran que o procedemento agocha un presunto fraude para as arcas municipais, o que podería dar lugar a posibles responsabilidades penais. Por todo o anterior, o Grupo Municipal do PP demanda a anulación do acordo da Xunta de Goberno e do prego de prescricións técnicas e administrativas que os sustentan por ser contrario a dereito e agochar un presunto fraude de lei.