Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP censura que non se convocara o consello de administración de Suplusa previsto para o pasado venres

Lugo, 21 de xaneiro de 2017.- O Grupo Provincial do PP na Deputación de Lugo censura que o presidente, o socialista Darío Campos, non convocara o consello de administración de Suplusa, a Sociedade Urbanística Provincial, pese a estar previsto para o pasado venres.

 

Os populares explican que o propio presidente da Deputación de Lugo informou nunha reunión anterior dunha das comisións asesoras que a reunión se celebraría o pasado venres, pero finalmente non se recibiu a convocatoria.

 

Este tipo de actitudes, precisa a voceira dos populares, Elena Candia, deixan á vista, unha vez máis, a falla de traballo do presidente provincial na institución que dirixe, polo que lle pide que abandone a parálise na que está inmerso el e o equipo de goberno “e se poñan a traballar polos intereses desta provincia”.

 

Temas de relevancia máxima

A popular critica este comportamento “tendo en conta ademais que un dos asuntos na orde do día é a reprogramación financeira das residencias da terceira idade, un tema o suficientemente importante como para que non se convocara o consello de administración da sociedade”.

 

“Para o único que o equipo de Goberno é áxil é para criticar aos executivos que dirixe o PP, pero nunca para darlle cumprimento aos asuntos da súa competencia, pese á importancia que a súa resolución ten para os veciños e veciñas”. Así, os populares recordan que Suplusa, ademais de ocuparse das residencias de maiores da Deputación de Lugo, é a encargada do impulso aos polígonos industriais de numerosos concellos.

 

“Asuntos todos eles que deberan ser de máxima importancia na axenda dun presidente provincial, como para que deixara de convocar ao consello de administración. É o momento de que dea as explicacións oportunas”, conclúa a voceira.