Partido Popular de Lugo

Os populares de Sarria critican a actitude antidemocrática da alcaldesa ao non incluír na orde do día do Pleno as dúas mocións presentadas polo PP en tempo e forma

 

Sarria, 25 de outubro de 2016.- O Grupo Municipal do PP de Sarria critica a actitude “escurantista e antidemocrática da alcaldesa” ao non incluír na orde do día da sesión ordinaria de Pleno, que se celebrará este xoves, as dúas mocións presentadas en tempo en forma polo PP para o seu debate.

 

Os populares lamentan que a rexedora non tivese en conta as iniciativas presentadas “que trataban dous temas realmente importantes para os veciños e veciñas”. Dende o PP precisan que unha das mocións recollía

o desbloqueo “dunha vez por todas” da construción da Ponte Ribeira e a outra pedía o amaño e mellora de dúas pistas no medio rural “demandada polos nosos veciños e veciñas”.

 

Dende o Grupo Municipal Popular censuran que rexedora “conculque os dereitos da oposición e amose un total desprezo co PP, grupo maioritario en Sarria”. Tamén critican que non se teñan en conta “os problemas dos veciños e veciñas ao firmar unha orde do día sen asuntos a tratar, o que reflicte, de novo, a desidia manifesta e a falta de ideas do Goberno municipal”.

 

Dende o PP sinalan que con esta actitude, a alcaldesa demostra que “está sumida nunha ingobernabilidade absoluta sen atender ás necesidades nin os asuntos pendentes dos que dependen os intereses dos veciños e veciñas de Sarria”.

 

Mocións presentadas por vía de urxencia

En todo caso, os populares anuncian que “pese a esta actitude antidemocrática e escurantista dun Goberno en minoría e con profunda chulería” presentarán as dúas iniciativas pola vía de urxencia para que poidan ser debatidas na sesión plenaria do xoves.