Lugo, 26 de outubro de 2016.- O Grupo Provincial do Partido Popular lamenta profundamente que a ruptura do PSOE siga afectando ao funcionamento da Deputación de Lugo. A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, esíxelle ao presidente da institución que asuma as rendas da institución “dunha vez por todas” e non siga vendido a un sector besteirista que volve ensinar a pezoña cada vez que hai que conculcar os dereitos dos veciños e veciñas da provincia.
Así, esíxelle ao presidente que se desprenda da lousa dos besteiristas que o está levando ao precipicio ao obrigalo a tomar decisións que implican incumprir o acordo que fixo posible que a institución conte este ano con Orzamentos. Insiste en que o Pleno se volverá celebrar e asegura que o seu Grupo está en disposición de solicitalo ao representar a cuarta parte necesaria para facelo.
“Queren pasar por alto que onte conculcaron os dereitos máis básicos deste Grupo ao prohibir que se sometera a debate e a votación a moción relativa á construción de tres residencias para esta provincia, un atropelo ao funcionamento da institución e unha falta de respecto absoluto a este grupo e a todos os veciños e veciñas”, explica.
Os populares sosteñen que “mentres o presidente se deixe asesorar polos besteiristas seguirá incorrendo en graves erros, o que deixa en evidencia a súa palabra e pon en perigo os acordos que el mesmo rubricou”. Así, recorda que a moción que onte desoíron se atopa no acordo de Presupostos da Deputación, polo que lle pide a Darío Campos que cumpra a súa palabra, se é que aínda lle queda algunha e lle dea cumprimento ao que previamente rubrica”.
O Grupo Provincial do PP lamenta que a man negra de Besteiro siga destruíndo a Deputación de Lugo, coas consecuencias que iso ten para a provincia e priorizando ocupar un sillón aínda que iso implique por en dúbida ou deixar en papel mollado a palabra dun presidente”.
O PP garante que o Pleno se vai celebrar
O PP ten sido ata agora, e seguirá sendo, quen dea tranquilidade a esta provincia ao garantir que a institución vele polos intereses dos veciños e veciñas, aínda tendo que remar vento e marea contra os besteiristas que só buscan o seu rédito persoal e anular a un presidente en minoría dentro e fóra do seu partido.
Así, Elena Candia explica que o seu partido garantirá que os acordos que onte se sometían a votación volvan ao Pleno, unha sesión que se vai celebrar e que vai velar, de novo, porque Darío Campos non siga apartándose do acordo que fixo posible que a institución conte con Orzamentos este ano, posible grazas ao traballo e á insistencia do Grupo Provincial do PP e pese á obsesión dos besteiristas porque non se cumpra.