Partido Popular de Lugo

Feijóo pide aos galegos participación e unir forzas nun proxecto común porque merece a pena que Galicia sexa unha excepción

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, participou hoxe no acto de arranque de campaña da formación en Lugo, onde pediu aos galegos participación e unir forzas nun proxecto común porque merece a pena que Galicia sexa unha excepción.

Nesta liña, Feijóo incidiu en que merece a pena ser unha excepción para seguir crecendo e creando emprego; para seguir cumprindo cos deberes ao tempo que se inviste máis en comunicacións, servizos públicos e en futuro; e para que os investidores sigan confiando en Galicia, tal e como sucede no sector naval, no da automoción, na aeronáutica e no lácteo.

Segundo engadiu, a Galicia mereceulle a pena ser e exercer como o que son os galegos e non pode agora afastarse de todo o que aínda queda por diante. Ademais, fixo fincapé en que é mellor unha España como Galicia que Galicia na mesma situación que o resto de España.

UN GOBERNO DA MAIORÍA

O líder dos populares galegos fixo fincapé en que o partido conta cun programa de goberno para aplicar durante catro anos e desde o primeiro día e cuns compromisos que contan co aval dos feitos.

Da mesma maneira, asegurou que non se presenta como candidato cunhas siglas, senón como militante de Galicia e presidente de todo o que os galegos teñen en común. Ademais, non propón un partido con maioría no goberno senón un goberno da gran maioría dos galegos.

Por iso, non pide só o apoio para o día das eleccións, senón que busca que Galicia estea unida cada día “porque xuntos é como avanzamos e xuntos é como acadamos as metas”, sentenciou.

Así, en aras dese proxecto común, Feijóo pediu o apoio dos cidadáns para unir forzas para un gran pacto entre o rural e o urbano e para un gran pacto entre os galegos de diferentes xeracións.

O QUE NON MERECE A PENA

Por outra banda, o presidente do PPdeG sinalou que non merece a pena a obstrución que se vive a nivel estatal desde hai nove meses, nin a inestabilidade doutras comunidades, ou a ingobernabilidade e desgoberno, nin tampouco a parálise.

Nesta liña, incidiu en que non merece a pena que Galicia se meta no lío que teñen outros partidos e no lío que pode chegar a ser todos eses partidos troceando os orzamentos e sen xestión ningunha. “Eu o que propoño é que xuntos superemos outros obxectivos que aínda temos por diante”, destacou.

AS PROPOSTAS DO PPdeG

Feijóo citou varias das propostas máis importantes do PPdeG para a vindeira lexislatura. Así, indicou que propoñen seguir diminuíndo as cifras do paro e mellorar as condicións laborais e procurar que o crecemento sexa sostido ao longo de toda a lexislatura.

Do mesmo xeito, tras realizar a maior rebaixa fiscal da historia de Galicia, apostarán por seguir reducindo de xeito selectivo as cargas fiscais dos galegos.

No ámbito educativo, tras complementar as becas estatais, establecer como gratuito para os menos de 19 anos o transporte metropolitano interurbano e apostar por incentivos fiscais para emprender, o PPdeG propón xeralizar a FP dual, novas bolsas para os mellores estudantes e opcións máis asequibles de vivenda. Nesta liña, Feijóo aproveitou para lembrar que nesta lexislatura conseguiuse contar coas taxas universitarias máis baixas.

En materia de vivenda, o presidente do PPdeG propón seguir diminuíndo as situacións de exclusión social cos medios que sexan precisos e seguir loitando, como ata agora, con máis programas que en ningures contra os desafiuzamentos.

Así mesmo, Feijóo lembrou que os populares se propoñen seguir afondando nas melloras educativas para seguir sendo a comunidade con máis profesores por alumno; seguir estendendo e modernizando as infraestruturas sanitarias e completar a renovación tecnolóxica das instalacións; acadar que todas as familias accedan a unha axuda para a conciliación; seguir creando máis prazas públicas de residencia e centros de día; reducir a lista de espera a cero para axudas no fogar; e seguir traballando en todas as frontes para combater a violencia de xénero.

Ademais, indicou que o PPdeG se propón aprobar a primeira lei de agricultura da nosa historia e impulsar un consello galego de pesca para avanzar sempre da man do sector; seguir buscando a confianza de investidores en sectores como o naval; chegar a ser un referente de innovación en todos os eidos e tamén nas pemes; avanzar nas estradas pendentes e que se complete a liña de tren nos prazos previstos; e acadar que todos teñan na próxima lexislatura opción dunha velocidade mínima de 30 megas.