O grupo provincial do PP participou hoxe na recepción oficial que a Deputación de Lugo fixo ao deportista lucense Cristian Toro, gañador do ouro olímpico nos Xogos de Río. Tras escoitar as palabras da súa familia, os populares avanzan que trasladarán a petición expresada hoxe publicamente para que a Deputación de Lugo volva ter unha escola de piragüismo.
O PP coincide coas palabras da nai do medallista olímpico sobre o interese que os mozos e mozas terían en practicar esta modalidade deportiva, algo que non poden facer posto que a escola está pechada. “A apertura da escola de piragüísmo sería clave, o mesmo que o foi para que Toro alcanzara esta medalla”, engaden.
Así, o Grupo Provincial do PP avanza que pedirá a través dunha moción que o PSOE poña en marcha de novo a escola para que os mozos e mozas podan practicar de novo este deporte e conten coa axuda institucional que merecen.
Os populares valoran ademais as palabras do presidente do Club Fluvial de Lugo, Tito Valedor, quen agradeceu e aplaudiu o traballo e apoio da Deputación de Lugo cando foi gobernada polo PP para o impulso do piragüismo e recoñeceu que a medalla de Toro se debe, en parte, a ese traballo e impulso outorgado desde a institución provincial.
Os populares consideran que non se debe abandonar a estas promesas do deporte, senón que se deben acompañar na súa andaina, polo que pedirán o seu impulso e a reapertura da escola por parte da Deputación de Lugo.