Partido Popular de Lugo

Feijóo pide ao seu equipo traballar coa máxima enerxía ata o 25 de setembro para que Galicia non perda a súa e siga avanzando

 O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu ao seu equipo traballar coa máxima enerxía nas próximas semanas ata o vindeiro 25 de setembro para que Galicia non perda tampouco a súa e poida seguir avanzando.

 

Tal e como asegurou o dirixente, mentres hai outras formacións que teñen como máxima ambición ser a segunda forza política ou que aspiran a non desaparecer, a aspiración do PPdeG é seguir mellorando a nosa comunidade.

O presidente, que participou esta mañá na Xunta Directiva do PP de Lugo na que se fixo a presentación da candidatura desa provincia ao Parlamento galego, puxo en valor que hai unha grande maioría de galegos que quere que os populares gañen e que gobernen.

Para lograr acadar este obxectivo, Feijóo incidiu na importancia de que esa maioría se manifeste nas urnas. Nese senso, insistiu en que á maioría de galegos que queren un goberno estable, responsable e inconformista só lle vale a opción do Partido Popular de Galicia, de igual modo que os populares tamén son a única papeleta para evitar que a suma de catro ou cinco partidos impidan ese goberno.

Por este motivo, o líder dos populares galegos recalcou que o que debe facer o seu partido é seguir falando cos cidadáns, recordarlles o que fixeron, o que queda por facer, falar claro das consecuencias de cada voto e pedir a confianza con humildade, pero coa seguridade de que son a mellor alternativa para Galicia.

 

EQUIPO UNIDO EN GALICIA E A GALICIA

 

“No PPdeG marcamos a diferenza, e somos o único equipo unido en Galicia, e unido a Galicia”, afirmou Feijóo recoñecendo que a nosa comunidade é o que une e o que motiva aos populares.

 Neste sentido, engadiu que se sinte orgulloso de encabezar a lista “do único proxecto que sente Galicia, que pensa en Galicia e que fai esta campaña desde Galicia”.

 Así mesmo, salientou que tamén se sinte orgulloso de que non haxa ningún compañeiro mirando de reollo a outro, nin persoas pedindo que organicen as listas desde Madrid ou perdendo o tempo en “puentearse” uns aos outros como ocorre noutros partidos, xa que os únicos problemas que deben ocupar aos populares son os que preocupan no día a día aos cidadáns.

 

TRABALLANDO POR E PARA A COMUNIDADE

 

Durante a súa intervención, o dirixente destacou que falar coa cidadanía é o primordial, algo que os populares saben ben porque tamén o fan cando non están en campaña.  “Nós non temos que coñecer Galicia nun curso rápido nin temos que darnos a coñecer porque levamos todo este tempo traballando por ela e con ela”, dixo.

 Nese sentido, recordou cando percorreu todos os concellos como líder da oposición, cando quixo manter encontros de ti a ti ao ser elixido presidente da Xunta e como agora, que decidiu volver presentarme, volveu novamente a percorrer as comarcas galegas.

Ademais, fixo fincapé na importancia de “facer balance cos cidadáns seriamente” para explicarlles que estiveron loitando contra a crise e lograron comezar a superala, que adoptaron algunhas decisións que non gustaron a todos porque preferiron desgastarse eles antes que ao país, ou que os datos positivos que hai agora danlles a razón.

Malia isto, Feijóo admitiu que non se conforma con que en Galicia creza e mellore a economía, os servizos públicos, os sectores estratéxicos ou as oportunidades ás familias porque “non me presento ás eleccións negando o que entre todos logramos en Galicia senón afirmando o que nos queda por facer”.

Segundo apuntou, a proposta do PPdeG é seguir avanzando cara o futuro e sumar a favor de Galicia, cun “proxecto para que os próximos catro anos Galicia siga mellorando con maior intensidade”.