Lugo, 6 de marzo de 2016.- A mariñá Elena Candia, actual alcaldesa de Mondoñedo, resultou este domingo elixida presidenta do Partido Popular provincial de Lugo, en substitución de Xosé Manuel Barreiro. Este foi o seu discurso:
“Bos días a todas e todos.
GRAZAS. MOITAS GRAZAS por compartir comigo traballo, ilusión e esforzo.
Presidente, Alberto Núñez Feijoo, voceiro do Senado e presidente saínte do Partido Popular de Lugo, Xosé Manuel Barreiro, vicesecretaria Xeral de Estudos e Programas do PP, Andrea Levy, compañeiras e compañeiros, o Partido Popular de Lugo escribe hoxe unha nova páxina baixo os que son os nosos mellores activos: a unidade e o traballo.
Di un célebre proverbio que se queres chegar rápido o mellor é que vaias só, pero se queres chegar lonxe, debes ir acompañado.
Eu non quero chegar rápido, quero chegar lonxe, coma todos vós, e con todos vós.
Veño dunha familia humilde, sen relación coa política nin cos políticos. Veño da terra que me viu nacer, Mondoñedo. Coñezo á xente, aos lucenses, aos galegos, o que lles preocupa, o que nos demandan….
E coñezo a política. Coñézoa dende a cara máis escura da oposición na Deputación de Lugo e do traballo á súa fronte, tratando de vencer as adversidades e as trampas de quen pensa máis en si mesmo ca nos cidadáns.
Coñézoa tamén como alcaldesa de Mondoñedo. É aí onde descubro a cara máis amable do servizo público, a que me permite non só ver os problemas dos meus veciños e veciñas, senón tamén tratar de resolvelos. E ben sei que ese é o espírito que nos move a todos. Escoitar e darlle unha saída a cada un dos que se nos achegan, sexan de Mondoñedo ou de calquera outro recuncho da provincia ou da comunidade.
Cando un ten unha proposta na que confía pódelle mirar á xente á cara e sentir que tes o seu apoio. Traballemos xuntos por iso. Como dicía a nai Teresa de Calcuta, ‘eu fago o que ti non podes, e ti fas o que eu non podo, xuntos podemos facer grandes cousas’.
Ese é o espírito que eu defendo, o que nos fará aínda máis fortes, porque ningún de nós é tan bo coma todos nós xuntos.
Imos renovar o funcionamento do partido para melloralo, pero tamén imos contar con todos os que sentaron as súas bases con anos de labor e dedicación, porque un dos maiores activos de calquera colectivo, dende a unidade familiar á unidade política, é a experiencia.
E tede unha cousa ben clara: quen máis peso vai gañar no partido non vai ser a nova dirección, nin a nova presidenta, senón cada un dos militantes.
Somos a candidatura dos militantes. Imos escoitalos, imos darlles voz, imos sentilos ao noso lado a cada paso que damos.
Tede claro o noso camiño, o noso compromiso:
MÁIS participación, MÁIS voz aos afiliados, MÁIS transparencia.
Pero isto non pode quedar só en palabras. Para dotar de sentido este traballo imos acompañalo de novos instrumentos que nos van axudar nesta etapa.
Aí estarán as convencións periódicas para explicar o noso traballo ante os militantes, para informalos da nosa xestion e dos nosos proxectos.
Aí estarán os coordinadores de xefes de distrito, o buzón do afiliado, o portal web de proximidade ou nova aplicación (APP) de móbil que manterá a afiliados e partido conectados as 24 horas ao día, sete días á semana.
Aí estarán os encontros periódicos con organizacións e movementos sociais, un papel con máis peso para as Novas Xeracións do partido e toda unha serie de medidas para para estar aínda máis cerca da poboación, cun único obxectivo.
Amigas e amigos, non podemos perderlle o pulso á sociedade. Os cidadáns teñen que sentir o noso alento a carón deles, con vocación de servizo, con transparencia e con cercanía, ao pé de cada casa, de cada porta.
Para todo eso pido o voso apoio, o compromiso de todos vós, porque, como dixo Henry Ford, ‘reunirse en equipo é o comezo, manter o equipo é o progreso, e traballar en equipo asegura o éxito’.
Aseguremos o éxito. Traballemos todos en equipo.
Amigas e amigos, agradezo o voso apoio coa humildade de quen se pon a disposición dos demais. Porque a partir de agora non son eu, somos todos, todos na dirección, todos no partido e todos na sociedade.
Aquí ninguén e máis có resto, aquí somos todos un e así nos teñen que percibir de portas para dentro e de portas para fóra.
Porque a sociedade lucense necesita máis ca nunca un Partido Popular forte e unido ao seu lado.
Incidía antes no meu discurso en dúas palabras e con esas dúas palabras quero rematar agora:
Unidade e traballo.
Moitas grazas a todos.”