O presidente do Comité Organizador, José Manuel Balseiro, deu a coñecer esta mañá o horario que rexerá no XVII Congreso Extraordinario Provincial do Partido Popular de Lugo, que terá lugar este domingo no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo.
A vicesecretaria nacional de Estudos e Programas, Andrea Levy, estará presente no conclave dos populares lucenses, máis en concreto, falará antes que as candidatas, entorno ás 11:15 horas. Antes, desde as 9:30 horas, os distintos compromisarios e invitados poderán acreditarse e ás 10:30 a inauguración correrá a cargo do secretario xeral, José Manuel Balseiro.
O seguinte paso no cronograma é a constitución do plenario coa proposta e votación da Mesa do Congreso que estará presidida por Manuela López Besteiro, asistida por Agustín Baamonde Díaz, Mercedes González Alonso, Fernando Rodríguez González, Rosa Arza, Martín López e Remedios González Cabarcos.
De seguido, ás 10:50 horas terá lugar a presentación do primeiro comunicado “O sector primario piar fundamental da economía lucense” e, xusto despois, entorno ás 11:05 horas será a quenda de presentación do relatorio sobre “Política Social unha prioridade na nosa provincia”.
Os redactores destes relatorios son, no primeiro caso, Isabel García Pacín, Antonio Basanta e Manuel López e, no segundo caso, Diana Durán, Mari Teijeiro e Toño Gallego.
Balseiro presentará o informe de xestión
Rematada a lectura dos comunicados será a quenda do secretario xeral José Manuel Balseiro, que se encargará da presentación do informe de xestión, que resume as liñas mestras de actuación do partido desde a celebración do último congreso provincial ata o día de hoxe.
Ás 11:25 horas presentaranse as distintas candidaturas, de seguido, ás 11:45 horas comezará a votación e escrutinio, para o que a organización habilitará distintas mesas e arredor das 12:50 horas coñecerase o resultado da votación e será proclamada a candidata electa.
Barreiro, a presidenta electa e Feijóo
Os encargados de clausurar o Congreso Provincial lucense serán, por esta orde, o presidente saínte e actual portavoz do Grupo Popular no Senado, José Manuel Barreiro, ás 12:55 horas. Despois será a quenda da presidenta electa e ás 13:25 horas o peche co discurso do presidente do PPdeG e da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
Normalidade
José Manuel Balseiro agarda que a celebración da cita congresual se desenvolva con total normalidade. Con este obxecto está prevista a colaboración dun gran número de persoas. Balseiro empraza aos militantes a disfrutar dun conclave histórico dentro da organización provincial lucense, marcado polo relevo na dirección provincial de José Manuel Barreiro tras 14 anos de mandato.