Mondoñedo, 3 de xuño de 2015.- O Partido Popular de Mondoñedo denuncia que o actual alcalde en funcións do municipio, Orlando González, causou a perda dunha subvención de preto de 30.000 euros (25.937 euros) concedida pola Consellería do Medio Rural e do Mar para a creación dun centro de interpretación da Cova do Rei Cintolo.
Os populares explican que o Concello perdeu o dereito a cobramento da subvención tal e como recolle a resolución aprobada en Xunta de Goberno local de 21 de maio de 2015 e a través da que os populares tiveron constancia desta situación. O PP local precisa que na referida Xunta de Goberno se aproba a devolución por parte do Concello de 20.750 euros, importe enmarcado nunha perda total de 25.937 euros., matizan dende o PP.
Dende o Partido Popular de Mondoñedo explican que a perda do dereito de cobro desta axuda débese a que o Concello non conta co correspondente permiso urbanístico. “Lévase dende o 19 de novembro de 2014 á espera de que a administración local faga chegar a correspondente documentación requirida dende Urbanismo para a tramitación do expediente, sen serlle atendida a petición”.
Así, os populares aseguran que este é un exemplo das contas claras que “nos deixa o alcalde froito da súa falta de xestión. Os veciños puxéronos onde o merecen, pero esta situación require, cando menos, dunha desculpa pública, pola perda de diñeiro que nunca se vai a recuperar”.
Levantaron unha obra sen os correspondentes permisos
Por último, os populares analizaran que se está ante unha obra levantada nunha ubicación incorrecta e esta situación evidencia que o Concello a levou a cabo sen contar coa correspondente autorización autonómica. “Os veciños se queren construír deben pedir licenza, o alcalde faino sen contar cos permisos oportunos”, conclúen.