Partido Popular de Lugo

Barreiro: “A Xunta aposta pola nosa provincia: vai investir 45 millóns de euros no Centro de Investigación de Rozas”

21, maio, 2015.- O Presidente do PP de Lugo e voceiro do GPP no Senado, José Manuel Barreiro, agradeceu á Xunta de Galicia “o seu compromiso continuo e decidido” coa provincia de Lugo. José Manuel Barreiro fixo estas declaracións no transcurso dun mitin en Chantada, logo de coñecerse que o Goberno de Alberto Núñez Feijóo vai investir 45 millóns de euros, de aquí a 2020, na creación dun polo industrial e tecnolóxico de avións non tripulados, que terá o seu núcleo no Centro de Investigación de Rozas. “Non hai dúbida de que para o PP Lugo é importante. A Xunta acaba de demostralo dándolle o visto bo a esta iniciativa que vai supoñer unha mellora do contorno socioeconómico da provincia”, matizou Barreiro.

O líder do PP de Lugo explicou que, grazas a este proxecto, Rozas se vai converter “nun referente en Europa no ámbito do desenvolvemento de tecnoloxías en avións non tripulados para aplicacións civís. José Manuel Barreiro destacou que as empresas galegas do sector aeronáutico e tamén as auxiliares do metal, o naval e a automoción “terán aquí unha gran oportunidade para a diversificación do seu negocio nun sector de alto valor engadido”.

No mitin de Chantada tamén participaron o Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o candidato do PP á alcaldía, Javier Rodríguez Medela.  Barreiro destacou a ampla implicación de Rodríguez Medela “na vida social e cultural” e dixo que é “o mellor alcalde que pode ter Chantada”.  

Na súa intervención o Presidente provincial do Partido Popular salientou que o vindeiro domingo “é o momento de que tódolos concellos  apoien Gobernos do PP, os únicos –insistiu- capaces de garantir un futuro estable”. José Manuel Barreiro dixo que co voto decidimos “qué gobernos queremos para os próximos catro anos. Uns anos –explicou- nos que teremos que enfrontarnos a importantes retos como deixar atrás definitivamente a crise, continuar coa creación de emprego, para acadar os 20 millóns de postos de traballo, e mellorar o noso Estado do Benestar. E quen é o partido mellor preparado para conseguir isto? O Partido Popular e os seus candidatos”, aseverou Barreiro.

A IMPORTANCIA DOS CONCELLOS NA RECUPERACIÓN

 “Estes días o Sr. Besteiro anda dicindo que o obxectivo dos socialistas é reconstruír os concellos aos que o PP deixou en situación critica. Desde aquí –dixo o líder dos populares en Lugo- eu voulles explicar o que fixo o PSOE e o que está facendo o PP, para que vexan quen minte e quen conta a verdade. Co PSOE os concellos acumulaban unha débeda que lastraba a toda España e que case nos levou á quebra, co PP teñen xa un superávit do 0.53%”.

O voceiro do GPP no Senado destacou que os bos datos que rexistra a economía española non serían posibles sen a contribución das CCAA e os concellos. “Grazas ao saneamento das contas locais e ao bo facer de presidentes e alcaldes responsables,a maioría do PP, conseguimos saír da crise e agora estamos na boa dirección”, subliñou José Manuel Barreiro. Tamén lembrou que no 2014 o Executivo de Rajoy destinou máis de 60.000 millóns de euros para que as CCAA “puidesen pagar servizos básicos como medicamentos, sanidade, servizos sociais e educación”.
 
Barreiro dixo que o PP “é o único que garante a estabilidade que precisa España”. “O Sr. Besteiro –continuou- non é un político serio, non se pode confiar nel. Facer política significa axudar a tódolos veciños, aos que te votan e aos que non, e iso é xusto o que no fai o Sr. Besteiro”. O Presidente do PP de Lugo fixo estas declaracións en referencia á discriminación á que José Ramón Gómez Besteiro somete, dende a Deputación Provincial,  aos Concellos do PP aos que priva de “investimentos que permitirían garantir os servizos básicos”.

Antes de rematar, Barreiro criticou a actitude de Cidadáns. O partido tivo que retirar a súa candidatura nun municipio de Toledo porque dous membros da lista estaban imputados por irregularidades administrativas. “E o peor de todo, dixo José Manuel Barreiro, é que tamén nos enteramos de que están comprando os votos. Pagan 100 euros por cada un”.  Barreiro pronunciouse así en relación ás informacións publicadas nas que se asegura que varios veciños dun concello de Toledo denunciaran ante a Policía coaccións e ameazas para votar a lista de Cidadáns o próximo domingo. “Non todo vale con tal de gañar”, concluíu Barreiro.

Antes de visitar Chantada, o Presidente do PP de Lugo e o Vicepresidente da Xunta estiveron en Monforte onde  participaron, xunto á candidata do partido á alcaldía, Julia Rodríguez Barreira, nunha xuntanza con mulleres. O líder dos populares lucenses pediu o voto para Rodríguez Barreiro porque dixo, “reúne tódolos requisitos necesarios para defender os intereses de Monforte. Ten ilusión, criterio e ganas de traballar”.