Lugo, 20 de maio de 2015.- A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, informou hoxe que, durante o próximo pleno da institución provincial previsto para martes, “esixiremos a Besteiro que dea explicacións sobre as presuntas irregularidades que se están a dar en torno a oferta de cursos impartidos ao abeiro do Pacto Provincial polo Emprego”.
En concreto, Candia explica que o seu grupo presentará hoxe unha moción na que insta a José Ramón Gómez Besteiro, como responsable institucional, a que dea explicacións sobre estes feitos e que, a maiores e dado a gravidade das queixas trasladadas polos monitores e alumnos, “se abra unha comisión de investigación para esclarecer esta situación”.
Neste senso, a popular lembra que Besteiro buscou titulares coa imposición das cláusulas sociais á hora de adxudicar contratos e agora “estanse a dar situacións, como as que denuncian en relación aos cursos do Pacto polo Emprego, e ante o que o presidente provincial non pode permanecer pasivo”.
A voceira dos populares explica que estas denuncias se están a dar por parte dos monitores e alumnos de cursos de atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio, e cuxa empresa adxudicataria é Norprevención; a que se lle concederon un total de cinco cursos, que supoñen máis de 160 horas e un importe de preto de 400.000 euros.
Denuncias dos monitores
Os monitores que imparten os cursos denunciaron presuntas comisións de feitos que rozan o delito. Así, quéixanse de apropiación indebida nas súas contas, con cargos de entre 800 e 900 euros, por parte dunha empresa para, supostamente, compensar uns cursos de formación que nunca recibiron.
A maiores, os traballadores tamén denuncian o pago incorrecto das súas nóminas, con variacións de ata 400 euros, e producíndose un incremento do importe en función das protestas trasladadas polos monitores.
E por último Candia engade que todo parece indicar que a presentación de denuncias por parte dos monitores, foi o que deu lugar ao despido de ata catro traballadoras.
Queixas do alumnado
Pola súa banda, o alumnado tamén remitiu queixas, que lle deu traslado á Deputación de Lugo, sobre a oferta dos cursos dado a existencia de deficiencias como é que os monitores dispoñían de material pésimo e escaso para impartir as clases.
Ademais, o alumnado (persoas en situación de desemprego) tamén denunciaron mala xestión da Deputación á hora de efectuar os pagos das becas que perciben. Mentres que as bases do proxecto recollen que o pago das becas se realiza a mes vencido, a realidade, segundo aseguran os alumnos, é que a Deputación está a efectuar o pago entre os días 18 ou 19 de cada mes.
Por último, Candia lembra que tanto os monitores como os alumnos trasladaron tamén estas queixas á Deputación de Lugo, polo que o presidente da Deputación era coñecedor directo destes feitos e “queremos coñecer que actuacións emprendeu ao respecto.