Partido Popular de Lugo

Fuente Parga repite como candidato popular á alcaldía de Barreiros

Lugo 27 de xaneiro de 2015.- O presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, informou hoxe que José Alfonso Fuente Parga, será o candidato do PP á alcaldía de Barreiros nas próximas eleccións municipais.

O presidente dos populares lucenses destacou a experiencia do rexedor e a súa capacidade de xestión e animou a conseguir de novo o amplo respaldo dos veciños, que nas últimas lexislaturas, segundo lembra Barreiro, confiaron no Partido Popular e na figura do seu alcalde, Alfonso Fuente Parga.

José Manuel Barreiro eloxiou tamén a total entrega e compromiso do alcalde cos seus cidadáns, sacando nesta lexislatura, adiante propostas de importante demanda en Barreiros como foron melloras no abastecemento de auga e en redes de saneamento, a posta en marcha do ximnasio municipal, o mantemento da gardería ou o servizo de axuda no fogar sen lista de espera.  

Traxectoria política

Fuente Parga accede á alcaldía no ano 2005, despois do falecemento de Luís Fraga Leiro, e encabezou as candidaturas do Partido Popular na localidade dende o ano 2007, acadando sempre maioría absoluta. O seu inicio na actividade pública remóntase xa ao ano 1999, sendo alcalde da localidade Manuel Díaz Sampedro, e facéndose fronte da responsabilidade da secretaría das Escolas Deportivas de Barreiros.

Datos persoais

O alcaldable naceu en Benquerencia, municipio de Barreiros, o 10 de xuño de 1971. Ten, polo tanto, 43 anos, casado e con dous fillos. Con estudos en empresariais, traballou durante 16 anos como asesor fiscal e contable.