Monterroso 3 de outubro de 2014.- Monterroso foi o concello da zona sur da provincia elixido pola comisión provincial do PP de Lugo para levar a cabo unha das charlas informativas que en materia de prevención da violencia de xénero se enmarcaban na campaña que iniciaron o pasado ano os Populares de Lugo.
Nun abarrotado salón, a coordinadora da Comisión Provincial da Muller Mari Teijeiro, reiterou o compromiso dos Populares Lucenses, “de seren axentes activos na loita contra os malos tratos ás mulleres, dende as xeracións máis novas da sociedade” e lembrou a finalidade desta campaña, que non é outra que, mediante o uso simbólico dunhas lentes malvas, ensinar a mirar con outros ollos.
“Utilizar simbolicamente estas lentes de cor malva para aprender a traballar estereotipos e falsos mitos que envolven a realidade que sofren diariamente moitas mulleres, converténdonos en axentes contra a violencia de xénero cun compromiso claro de denunciar e non permitir nin a mínima mostra de ataque á igualdade ou de violencia cara a muller”- manifestou Teijeiro.
Foi o representante da Asociación Galega de Homes pola Igualdade, Celso Taboada Lorenzo, o encargado de impartir as charlas informativas co obxectivo de prever esta lacra, unha estratexia que segundo a Comisión Provincial foi intencionada, “xa que o PP de Lugo considera fundamental que as novas xeracións de homes, rapaces e nenos conten con referentes positivos de outros homes que se involucren neste proceso de visualización de certas realidades que agochan un machismo implícito” e “hai homes implicados na loita pola igualdade, polo que dende o partido consideramos importante mostralos con orgullo”- manifestou.
Este acto englóbase na campaña de prevención da violencia de xénero que os populares presentaron o pasado 24 de novembro en Lugo e que leva por título “no amor non te cegues, usa as gafas malva”, e que terá como broche final a sesión a celebrar o 28 de novembro na capital da provincia, tendo previstas novas accións de loita e prevención.