Lugo, 4 de outubro de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular explicou que o servizo para a posta en marcha do Goberno Intelixente, cuxa adxudicación aprobou esta mañá a Xunta de Goberno da Deputación, amósase como un exemplo máis do fracaso de José Ramón Gómez Besteiro co Innova-te, que o leva a suspender na súa aposta polas novas tecnoloxías.
Os populares aseguraron que xa suscita dúbidas a actuación principal coa que nace este servizo do Goberno Intelixente. No prego de cláusulas establécese que o obxecto deste contrato ten por unha das súas finalidades o estudo da situación actual da provincia e deseño da estratexia.
Ante isto, dende o Grupo Provincial do Partido Popular consideran que Gómez Besteiro iniciou a casa polo tellado, xa que estudará as necesidades da provincia “agora, a través deste último proxecto do Innova-te no lugar de facelo a través dos primeiros servizos adxudicados. O primeiro é coñecer as necesidades e despois investir”.
Ao GPP sorpréndenlles algúns dos criterios de adxudicación
Á hora de analizar os baremos, ao GPP sorpréndelles algúns dos criterios de adxudicación para a posta en marcha do Goberno Intelixente.
Por exemplo, un dos criterios, o de ‘adecuación das solucións propostas á realidade e ás necesidades da Deputación de Lugo e dos Concellos da provincia lucense’, coincide co obxecto do contrato. “Malamente puido valorarse o que aínda non se sabía, xa que precisamente o diagnóstico da realidade desas necesidades é o obxecto do contrato”.
Novo dispendio de diñeiro público
Os populares consideran que tendo en conta os antecedentes no funcionamento do Innova-te e máis o estudo deste contrato; da súa análise predícese un novo exemplo de dispendio de diñeiro público. “Estamos a falar dun novo investimento de 1,5 millóns de euros”, explicaron dende o GPP.
Os populares aseguran que os nefastos resultados obtidos e as múltiples queixas dos Concellos adheridos e dos usuarios amosan o descontento no funcionamento do Innova-te. Polo tanto, os resultados non avalan un investimento que supera os 25 millóns de euros, dende a aprobación no 2011 da primeira fase deste programa vinculado coas novas tecnoloxías.
“Estamos a falar dun mal funcionamento do rexistro telemático, das páxinas webs, de instalacións de pantallas que nunca se usaron…” enumeraron dende o Grupo Provincial do Partido Popular.